Sada aproba a suspensión das taxas de terrazas para o 2021

25 / SEP / 2020

Sada aproba a suspensión das taxas de terrazas para o 2021

Outra das accións de apoio ao sector hostaleiro que presentou onte o Goberno Municipal no Pleno Ordinario tiña por obxecto regular o réxime xurídico ao que debe someterse a instalación de terrazas en terreos de uso público.

Sada, 24 setembro 2020.

Dada a necesidade de adoptar medidas temporais extraordinarias no ámbito tributario co fin de paliar o impacto económico negativo resultante das medidas adoptadas tras a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo de 2020, e tendo en conta a situación de vulnerabilidade de todos os negocios adicados a hostalaría, polos efectos que a crise sanitaria ven de provocar nos seus ingresos, o Goberno de Sada presentou no Pleno ordinario celebrado onte duas propostas de apoio ao sector hostaleiro.

A primeira acción reativa á suspensión da aplicación durante o ano 2021 da ordenanza fiscal nº23, reguladora da taxa por ocupación de terreo de uso público con mesas e cadeiras, mediante a modificación da súa disposición final.

Neste senso o Goberno Local, a través da Concellería de Facenda, sinala que suspenderá temporalmente a vixencia de aplicación da ordenanza fiscal n.º 23, reguladora da taxa por ocupación de terreo de uso público con mesas e cadeiras a partires do día 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2021.

Esta acción, encamiñada a axudar ao sector da hostalería local, supón unha merma nos ingresos municipais de 13.000 euros. Se ben a redución dos ingresos municipais implica unha minoración de ingresos non financeiros que afecta de xeito negativo ao cumprimento do principio de estabilidade e por ende ao de sustentabilidade financeira o infome do interventor subliña que “a influencia da suspensión da ordenanza fiscal nº 23 no cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade finaceira non é significativa, podendo adoptarse facilmente medidas equivalentes de redución de gasto ou incremento de ingresos que faciliten a observancia de aqueles”.

A proposta do Goberno Municipal foi aprobada por unaminidade.

Modificación ordenanza de instalación de terrazas.

Outra das accións de apoio ao sector hostaleiro e que se aprobou no Pleno de onte tiña por obxecto regular o réxime xurídico ao que debe someterse a instalación de terrazas en terreos de uso público.

Actualmente os establecementos englobados na categoría “b” podían situarase no fronte ou no lateral do establecemento no caso de prazas e rúas abertas a unha distancia mínima de 3 mts da fachada da edificación e sen barra de servizo distinta do propio establecemento e o caso de estar ocupado o lateral do establecemento por unha zona de aparcamento ou similar considérase como lateral exclusivamente a estes efectos o contiguo a dita zona. Pero esta situación só afectaba á Avenida da Mariña e á Avenida do Porto. Coa modificación proposta pola Concellería de Facenda, será de aplicación en todo o municpio.

A propia memoria de alcaldía subliña que “tendo en conta que recentemente puxéronse de manifesto necesidades de instalacións de terrazas en espazos que poderían ser encaixados na categoría b) da ordenanza pero a dita categoría está limitada unicamente á Avenida do Porto e á Avenida da Praia, xerando unha diferenciación que non está fundamentada no momento actual e polo tanto é preciso que se suprima a limitación a ditas zonas e se proceda a dar nova redacción a ese apartado”.

A instalación de terrazas nos espazos públicos é un uso común especial de ditos espazos, suxeito a decisión discrecional do Concello, polo que a súa autorización deberá atender a criterios de compatibilización do uso público coa utilización privada, debendo prevalecer nos casos de conflito, a utilización pública do devandito espazo e o interese xeral cidadán”.

 

Arquivado en