Sada aproba o anteproxecto de ampliación da EDAR por importe de 10 millóns de euros.

25 / XUN / 2021

Sada aproba o anteproxecto de ampliación da EDAR por importe de 10 millóns de euros.

O Pleno da Corporación aprobou onte a proposta de alcaldía do anteproxecto da ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais, cun orzamento total de execución por contrata de 10.306.727,89 euros, logo de que fose sometido ao trámite de información pública sen que se presentara ningunha alegación. A Alcaldía realizou os trámites perante Augas de Galicia solicitando a colaboración técnica e financiera para abordar a ampliación da EDAR de Sada coa fin de adecuar a súa capacidade de tratamento as necesidades actuais do sistema de saneamento. Trátase dunha das inversións máis importantes de Sada nos últimos 40 anos.

O Pleno da Corporación celebrado onte aprobou o anteproxecto da ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais cun orzamento total de execución por contrata de 10.306.727,89 € e logo de que fose sometido ao trámite de información pública  sen que se presentara ningunha alegación.

O alcalde de Sada, Benito Portela, agadeceu a Augas de Galicia a súa disposición para aceptar a proposta do goberno municipal para abordar a financiación da ampliación da EDAR de Sada coa fin de adecuar a súa capacidade de tratamento as necesidades actuais do sistema de saneamento así como aos técnicos do ente autonómico e do concello de Sada polo gran traballo realizado na redacción do anteproxecto.

Portela celebraba onte a consecución desta actuación que permitirá "solucionar o saneamento de augas residuais". O rexedor destacou que era unha das actuacións que o pleno solicitou reclamar á Xunta e manifestou o seu desexo de que as obras poidan comezar canto antes dado o aumento da poboación que está a experimentar o Concello de Sada nos últimos anos”.

Tramitación

O Concello de Sada solicitara o pasado mes de abril a colaboración técnica e financeira da Administración hidráulica de Galicia para a execución da obra de referencia, interesando o financiamento pola Administración autonómica do 100% do custo da actuación. Para tal fin desde o Concello de Sada se aportou a solicitude de colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas hidráulicas e o informe emitido pola Intervención do Concello, que incluía un estudio económico financeiro da capacidade municipal de dispoñibilidade e endebedamento e xustificación da necesidade de instar o financiamento autonómico da actuación.

O anteproxecto da obra “Ampliación da estación depuradora de augas residuais de Sada foi supervisado pola Área de Programación e Seguimento de Obras de Augas de Galicia, que emitiu informe no que se reflicten, entre outros aspectos, a xustificación da necesidade da obra e as características da actuación. Examinada a documentación aportada polo Concello de Sada, a dirección de Augas de Galicia, mediante resolución do 19 de abril, acordou o financiamento do 100% do orzamento da actuación, condicionado á aprobación previa do Consello da Xunta de Galicia. Logo do trámite de consulta onte se presentou no Pleno para a súa aprobación.

O Concello de Sada asumirá por medio deste convenio calquera tipo de taxa, canon ou imposto de carácter local, que resultaren esixibles con motivo das obras e tamén a explotación, mantemento e conservación das obras.

Demanda de Sada para a mellora do saneamento

Esta actuación nace tras a redacción dun Plan Director para mellorar a depuración na ría de Betanzos cun sistema de saneamento en alta na depuradora de Sada tras constatar anomalías na EDAR, o emisario, bombeos e colectores que provocan vertidos en época de choivas.

Augas de Galicia advertía no prego de condicións do concurso deste plan director da existencia de deficiencias no funcionamento da planta depuradora de Sada que provocan reiterados episodios contaminantes. Os técnicos tamén detectaron problemas no funcionamento de bombeos e o emisario.

Segundo os técnicos que revisaron a EDAR do porto de Fontán as deficiencias no funcionamento da planta provocan reiterados episodios contaminantes e desvelaron que "o exceso de caudal que non é capaz de tratar a planta alíviase mediante unha vertedura na arqueta da entrada da EDAR que verte directamente ao mar, sen estar conectado actualmente co emisario submarino". O informe recolle tamén que desde o Concello de Sada trasladou a preocupación polo estado da EDAR en diferentes ocasións chegando a informar que “podería presentar fisuras e tapóns”.

O bombeo intermedio situado no paseo marítimo xunto ás pistas deportivas tamén presenta deficiencias. A saída dispón dunha arqueta de rexistro que conecta o colector de augas residuais á rede de pluviais que desagua á ría. Segundo recolle o informe realizado por Augas de Galicia, en época de choivas, cando o funcionamento das bombas supera a capacidade da EDAR, "é necesario abrir a comporta manual para conectar as augas fecais á rede de pluviais e desaguar directamente ao bordo do paseo marítimo, "coa consecuente repercusión ambiental".

Arquivado en