Sada aproba unha nova ordenanza de tráfico para regular o aparcamento e mellorar a mobilidade peonil

27 / DEC / 2024

Sada aproba unha nova ordenanza de tráfico para regular o aparcamento e mellorar a mobilidade peonil

Coa nova ordenanza o Concello de Sada poderá impulsar a creación de zonas de aparcamento temporal e para residentes. A nova ordenanza non recolle o pago por aparcar na vía pública

O pleno do Concello de Sada aprobou a nova ordenanza reguladora de tráfico, mobilidade sostible e estacionamento. O goberno local busca mellorar a regulación dos usos das vías urbanas, facendo compatible a equitativa distribución dos aparcamentos entre todos os usuarios coa necesaria fluidez do tráfico rodado, así como o establecemento de medidas de estacionamento limitado. A reforma da antiga ordenanza está motivada tamén polo interese en establecer un marco normativo favorable para o fomento e priorización da mobilidade peonil sobre calquera outro tipo de desprazamento.

Unha das principais novidades que incorpora esta ordenanza é a creación de espazos de aparcamento limitado, máis coñecidos coma zonas ORA, que terán coma obxecto a regulación do aparcamento na vía pública de forma equitativa entre todos os usuarios e usuarias da mesma durante todo o ano. O fin último é garantir a rotación dos vehículos coa creación de zonas vermella (máximo 30 minutos); zonas laranxa (máximo 2 horas); zonas verde (reservadas a residentes). En ningún caso o Concello establecerá o pago polo uso privativo destas zonas de aparcamento.

O goberno local mantén coma prioridade facilitar a mobilidade da cidadanía, sobre todo dos peóns, ciclistas e viaxeiros de transporte colectivo. Por outra banda, esta ordenanza busca adecuar a rede viaria do noso municipio e a ordenación do tráfico para a consecución dunha mobilidade sostible que teña en conta a imprescindible seguridade viaria. Neste sentido dende o goberno local xa impulsamos a execución de medidas redutoras de velocidade que levaremos a outras zonas do concello onde é necesario o calmado do tráfico.

 

Arquivado en