-A adhesión implica asumir os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear o cambio climático, adoptando as medidas necesarias para reducir, de aquí ao 2030, un 27% do consumo enerxético e un 40% as emisións de CO2, ao tempo que se aumenta un 27% o emprego de enerxías renovables.
-Ademais, supón a adopción de medidas de adaptación fronte aos riscos e vulnerabilidades aparelladas ao cambio climático, como son as secas, a elevación do nivel do mar, ou unha maior frecuencia dos episodios de temperaturas extremas e chuvias torrenciais.
Sada, 31 agosto 2019.
O Concello de Sada ven de acordar en pleno a súa adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, asumindo así os compromisos da Unión Europea en materia de clima e enerxía para o ano 2030.
Coa adhesión ao Pacto, o Concello de Sada contribúe á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable. Esta folla de ruta concrétase en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, e mediante esta iniciativa se poñen en práctica de xeito máis directo o ODS 13 Acción polo Clima e o ODS 17 Alianzas para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
A adhesión ao Pacto dos Alcaldes, implica a adopción dun Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible que inclúe medidas para o freo do cambio climático, consistentes na redución de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono do municipio. Estas medidas aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e o transporte, tanto público como privado, e nos ciclos de tratamento de augas residuais e dos residuos sólidos urbanos.
Ademais, o Plan de Acción implica o deseño de medidas de adaptación ao cambio climático, preparando así ao concello de Sada para facer fronte aos riscos e vulnerabilidades aparellados a este proceso. O concello ten un prazo de dous anos, contado a partir da data do acordo municipal de adhesión ao Pacto, para aprobar este Plan de Acción. Despois, cada dous anos, terá que dar conta dos seus avances na procura dos obxectivos previstos para o 2030.
Para acompañar tanto a elaboración do Plan de Acción como da súa implementación, o Concello contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta oficina, a través do Centro de Asistencia aos Concellos e do Observatorio de Fondos e Convocatorias, realizará un asesoramento personalizado ao Concello de Sada, tanto na elaboración do Plan de Acción como na súa implementación.
Con este paso, o Concello de Sada intégrase no maior movemento mundial de autoridades para a loita contra o cambio climático.