O Concello instalará dous módulos na zona do paseo para as persoas que queiran exercitarse, unha demanda que se avivou desde a pandemia
Sada, 18 novembro 2020
Sada contará cunha nova instalación de módulos de calistenia que se colocarán no paseo marítimo co obxectivo de que estea operativo o máis cedo posible e poida gozarse a finais de ano.
A concelleira de Participación Cidadá e Mocidade, Rebeca Mouriño, avanza que a proposta xa está definida e estase executando no paseo marítimo, xunto á pista de petanca. "A xente, coa Covid, demandaba facer deporte na rúa, foi o que botaron máis en falta e recibín moitas peticións para instalar elementos que lles permitisen manter os seus adestramentos", explica a edil, que se reuniu con mozas que se adestran ao aire libre para coñecer as súas necesidades.
Operarios municipais están a realizar os labores de acondicionamento do terreo onde se instalarán a gaiola de exercicios, as barras de sección, os paralelas dobres, as pezas de corda e as argolas para que se adestren en calistenia.
Separación de espazos
Mouriño indica que aínda que xa contan con elementos de adestramento en parques infantís, o feito de compartir espazo persoas adultas e crianzas derivou en que sexan menos utilizados polos maiores e a demanda que se lles transmitiu é contar con zonas separadas. "Subíanse os nenos, e era máis complicado unificar os usos das instalacións, polo que se buscou un espazo propio, preto do paseo marítimo e do carril bici, o que permite complementar este tipo de adestramentos", puntualiza.
Desde o departamento responsable da dinamización de proxectos de interese para a mocidade consideran que este espazo de street workout, outra das denominacións importadas para este tipo de prácticas, permitirá tamén dispor dunha alternativa de lecer para a poboación máis nova. No centro urbano de Sada existen varios puntos fixos nos que se concentran para adestrar de forma habitual e ademais, nos últimos anos, tamén se desenvolveron actividades de parkour, que demostraron que este tipo de propostas xeran interese.
Desde o Concello estiman ademais que o novo espazo é unha boa fórmula para combater o sedentarismo ou outras fórmulas de lecer menos sociables e permitirá "aproveitar ao máximo as súas potencialidades e redirixilas cara a este lecer saudable".