O goberno municipal inclúe no modificativo de crédito que presentará ao pleno de setembro unha actuación valorada en 188.000 euros para arranxar o viario de Sada e Contornos e aumentar a seguridade peonil na AC-162 desde o límite con Bergondo ate o final da avenida Sada e Contornos. O concelleiro de Obras e Servizos tamén solicitou da Xunta de Galicia medidas a adoptar no paso de peóns existente no km. 2 da estrada AC-183 na entrada ao CEIP Pedro Barrié de la Maza en Mondego
O goberno municipal de Sada incluirá no modificativo de crédito que presenta ao Pleno Ordinario do mes de setembro unha actuación consistente no arranxo do firme da avenida Sada e Contornos desde o límite con Fontán ate o cruce coa avenida da Mariña.
Esta actuación inclúe ademáis melloras na seguridade vial ao contemplar a instalación de nove pasos sobreelevados de peóns desde o límite da AC-162 co municipio de Bergondo (avenida República Arxentina) ate Fontán.
Tres dos pasos de peóns sobreelevados instalaranse na avenida Sada e Contornos, zona escolar, catro na avenida da Mariña e dous na avenida República Arxentina.
Por outra banda o concelleiro de Obras e Servizos e Medio Ambiente, Fernando Farina, trasladou nun escrito á Xunta de Galicia unha demanda transmitida pola dirección do CEIP Pedro Barrie de la Maza, para que se adoptasen medidas de seguridade vial no entorno do paso de peóns que se atopa á entrada do colexio (km 2 da estrada AC-183) co obxectivo de acadar a minoración da velocidade dos vehículos que circulan por dita estrada.
No escrito o concelleiro solicita que se instalen badéns, sobreelevación, reforzo de sinalización, etc., que se poidan implementar conforme á normativa vixente, xa que dita zona soporta moita cantidade de usuarios (o colexio conta na actualidade con arredor de 500 alumnos) producíndose diariamente situacións de perigo por mor da excesiva velocidade á que circulan os vehículos nese tramo.