O expediente de contratación mediante procedemento aberto simplificado do servizo de asistencia técnica para a redacción do plan especial de reforma interior, proxecto de reparcelación e proxecto de urbanización do ámbito do solo urbano non consolidado D3.6-Rúa Lagoa (onde se atopa a parcela do Centro de Saúde) xa saiu a licitación por importe de 45.628,64 €
O Goberno Local de Sada avanza no traslado do Centro de Saúde a unha zona moito máis comoda e con mellores comunicacións que a actual. A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o expediente de contratación mediante procedemento aberto simplificado do servizo de asistencia técnica para a redacción do Plan Especial de reforma interior, proxecto de reparcelación e proxecto de urbanización do ámbito do solo urbano non consolidado D3.6-Rúa Lagoa onde se atopa a parcela que Sada ofreceu á Consellería de Sanidade para a ubicación do novo centro de saúde que a Xunta de Galicia deberá financiar.
Esta licitación supón un novo paso dentro da expansión da zona fronte o instituto Isaac Díaz Pardo que dará continuidade ao aparcadoiro do campo de fútbol As Mariñas-Andrés Pena hacia a AC-163 e urbanizará a parcela resultante de 2.000m2 que o Concello ofreceu á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
A actuación do PERI da Rúa Lagoa é consecuente á demanda histórica dos veciños e veciñas do municipio que veñen reclamando o traslado do Centro de Saúde a o centro urbán dada a situación acutal do inmoble na Avenida Párroco Villanueva que dificulta o traslado peonil ao centro, especialmente ás persoas maiores.
Precisamente o goberno municipal trasladou na última reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a peculiaridade da situación do edificio actual que alberga o Centro de Saúde, “de difícil acceso e escaso aparcadoiro, incluso para o transporte público dada as características do viario onde se atopa” e mostroulle a parcela contemplada no PXOM para o traslado do Centro de Saúde e que conta cunha superficie de 2.022 m2 e que se engloba dentro do PERI que agora sae a redacción.
A parcela que ofrece o Concello de Sada á Xunta de Galicia está situada no centro urbano de Sada, fronte ao IES Isaac Díaz Pardo e a escasos metros da zona de As Brañas, ten nunha mellor accesibilidade tanto peonil como vehicular para turismos e transporte público, ademáis dun maior número de prazas de aparcadoiro na contorna. “Ademais de necesario o cambio do emplazamento do Centro de Saúde é unha demanda histórica dos veciños e veciñas de Sada como tamén é unha proposta unámine das forzas políticas da Corporación”.