Desde mañá e ata o domingo Sada vivirá a sexta edición dunha festa que cada ano gaña máis adeptos e consolídase como referencia na provincia.
Programa da Feira Modernista de Sada
Mañá venres dará comezo a VI Feira Modernista de Sada, unha cita que combina decoración, música, danza e historia, e que en só seis anos converteuse nun clásico do verán nas Mariñas e que, consolidada no panorama coruñés, aspira a situarse no mercado autonómico, e mesmo abrirse ao resto de España.
A titular da concellaría de Cultura de Sada, a socialista María Pardo, presentou o programa que encherá de música e historia o centro urbano, de venres a domingo, sempre coa emblemática Terraza como referencia.
"Unha programación á altura das circunstancias", indicou Pardo no acto de presentación, ao que estaban convidados todos os representantes das diferentes formacións políticas, tendo en conta que "é algo de todos, do pobo, aquí non hai cores políticas e a corporación traballa unida para impulsar a Feira Modernista porque iso será positivo para o comercio, a hostalaría e, sobre todo, para Sada".
Desde mañá ás 17.00 horas, os asistentes poderán gozar do mercado modernista situado no paseo, de exposicións, masterclass, representacións ambientadas na época, automóbiles e bicicletas clásicos, cinema, xogos, maxia, circo... "e sobre todo música, moita música: de cámara, jazz, vocal ou pasacalles", apostilou a edil de Cultura.
Ademais, celebraranse concertos todas as noites: Os Modernos, mañá, día 28, ás 22:30 horas; o sábado, Aló Django e Revival Stompers a partir das 21.30; e o domingo pecharán a mostra Las Lollipops, tamén desde as 21:30. Ademais, o último día poderase gozar dun picnic modernista amenizado por un home-orquestra que, como non podía ser doutra maneira, desenvolverase na área verde próxima á Terraza.
Caracterización
María Pardo animou aos sadenses e visitantes "a que se acheguen a vivir a feira e, os que non teñan caracterización, poden pasarse polos negocios locais que xa sacaron os seus complementos de época"
Para asistir aos actos non é necesario caracterizarse, salvo para subir en globo aerostático, pero cada vez son máis os que si o fan, precisamente por ese carácter participativo da Feira Modernista de Sada.