Coas limitacións e as medidas sanitarias implantadas polo COVID-19 a Concellería de Cultura programa o sábado 22 de agosto diversos actos para a celebración do centenario do nacemento dunha das figuras imprescindibles da cultura galega do século XX.
O Concello de Sada programa un acto central no auditorio da Casa da Cultura coa presenza dos familiares e achegados ao intelectual, a mostra de rúa “Isaac 1920-2020” exposta na avenida da Mariña fronte á Terraza e a creación dun mural en directo nunha das paredes do espazo multiusos do Paseo Marítimo, con figuras e lembranzas da obra de Isaac Díaz Pardo e as Cerámicas do Castro, realizado polo artista local JA!.
Sada, 19 agosto 2020.
A pesar da situación motivada polo Covid-19 o Concello de Sada quere ensalzar a figura de Isaac Díaz Pardo no ano do seu centenario programando diversos actos con todas as medidas sanitarias necesarias. “Non é a mellor época por mor da situación sanitaria pero non debíamos pasar esta data sen programar, aínda que de maneira simbólica, actos que reflexen o cariño e o respecto do noso municipio á figura cultural e atística máis destacada de Sada, e quzais de Galicia, no pasado século”, sinala o alcalde Benito Portela.
Coincidindo có día do nacemento de Isaac Díaz Pardo a Concellería de Cultura programa o sábado 22 de agosto tres actos simbólicos acordes coa vida e obra do intelectual galego.
Desde as 12:00 horas o artista plástico sadense JA! realizará un mural nunha das paredes do espazo multiusos do Paseo Marítimo, antiguos vestuarios, recreando unha interpretación de " A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas que pode precisar na vida", obra realizada a principios dos anos 70 que transmite un humanismo realista e afirmativo, sempre mirando ao futuro, características propias das obras de Díaz Pardo.
Paralelamente e durante todo o mes de agosto a Concellería de Cultura programa unha exposición de rúa coordinada pola Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo co título “Isaac 1920-2020”.
En 20 paneis situados en cinco cubos ao longo da avenida da Mariña, fronte ao edificio de A Terraza, poderase contemplar a vida e obra de Isaac Díaz Pardo. No primeiro cubo os paneis versarán sobre a cronobiografía do autor e a súa vinculación coas Cerámicas do Castro e o Museo Carlos Maside. Os cubos dous e tres mostraranos a faceta artística de Díaz Pardo en dez paneis, cinco para a etapa clásica e outros tantos para a etapa vangardista. Outro dos cubos servirá para mostrar o debuxo e outras disciplinas artíticas. Finalmente distintas pezas de porcelana creadas polo artista ocuparán os paneis finais da exposición.
A celebración do centenario finalizará cun acto que se celebrará ás 13:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura onde se ensalzará a vida e obra do fillo adoptivo de Sada. A entrada será libre ata completar un aforo reducido debido as medidas sanitarias realizadas polo protocolo do Covid-19.
No acto, onde se proxectarán imaxes e un vídeo mostrando a vida do intelectual, participarán familiares e achegados de Isaac Díaz Pardo, a Asociación Cultural Irmáns Súarez Picallo e a agrupación musical Nova Troula.