SADA CELEBRA O SAN XOÁN CON SARDIÑADA, MÚSICA TRADICIONAL, DJ´S E FOGOS DE ARTIFICIO

17 / XUN / 2024

SADA CELEBRA O SAN XOÁN CON SARDIÑADA, MÚSICA TRADICIONAL, DJ´S E FOGOS DE ARTIFICIO

Sada programa a tradicional festa de San Xoan con música, a súa famosa sardiñada e fogos de artificio para a noite máis curta. A partir das 19:00 do 23 de xuño na área do Curruncho poderanse degustar ate un total de 1.000 kg. de sardiñas, repartidas en racións de media ducia de sardiñas, taza conmemorativa, pan de broa e bebida a escoller entre botella de viño, auga ou refresco, todo por un prezo de 7€. Para animar esta celebración os grupos de música tradicional do municipio estarán tocando e bailando na zona da Praia das Delicias durante toda a xornada. Ás 00:00 realizarase o acendido das lumeiradas acompañado dunha sesión de fogos de artificio para posteriormente dar paso á sesión Dj que rematará de madrugada.

Horarios para las lumeiradas de San Xoan

Están autorizadas as lumeiradas nos areais. O horario para deixar o material para a realización das lumaradas  na Praia das Delicias  e Praia Nova será a partir das 19:00 horas do día 23 de xuño, na procura de compatibilizar o uso habitual do areal coa celebración da festa de San Xoán. Os areais (Praia Nova, Praia das Delicias , Praia de Cirro, Praia de San Pedro, Praia de Morazón e Praia de Arnela) deberán quedar libres ás 06:00 horas do día 24 de xuño para que a concesionaria responsable do servizo de limpeza poida levar a acabo as actuacións necesarias para habilitar ditos espazos para o seu uso común. Ante calquera urxencia que poida xurdir, os servizos de seguridade e emerxencias poden ordenar a evacuación obrigatoria antes desa hora, baseándose en criterios de seguridade  persoal e protección ambiental. Prohíbese o baño nas praias do termo municipal desde as 22.00 horas do 23 de xuño ata as 9:00 horas do 24 de xuño.

Condicións para a realización das lumaradas na noite de San Xoán

Na noite do 23 de xuño autorízase a realizar lumeiradas en espazos de titularidade pública no Concello de Sada. Para isto, será preciso que as persoas interesadas presenten unha comunicación por escrito a través do rexistro xeral  antes do día 21 de xuño ás 14:00 horas. Tamén será de obrigado cumprimento a notificación daquelas lumeiradas a realizar en casas/fincas particulares ou espazos privados do municipio. Na notificación, en ambos casos, deberá indicarse o nome do propietario/a da casa/finca, ou o responsable da realización da cacharela, o seu DNI e o enderezo postal do lugar de celebración da cacharela. Os organizadores das lumeiradas en espazos privados, deberán coidar os arredores e coñecer os teléfonos aos que chamar no caso de xurdir  algunha incidencia:  112 e Tlf. SEM 607 43 84 57. Deberase vixiar permanentemente o lume, incluso se hai brasas. Débese contar cos medios (auga suficiente) para controlar o lume. O Concello de Sada dispón dun modelo indicativo de comunicación para ambos casos

Por un San Xoán máis sostible

Non está permitido tanto en espazos públicos coma privados,  o uso de combustibles líquidos nin de acelerantes nas lumaradas. Así mesmo está prohibido a queima e o acceso ás praias de cauchos, rodas, colchóns, madeira lacada, gomaespuma, e outros obxectos que poidan producir gases tóxicos no entorno así como mobles, sofás, obxectos voluminosos e madeiras que leven puntas ou cravos como palés ou caixas. Desde o Concello de Sada faise unha chamada á responsabilidade e ao respecto ao medioambiente. Debemos desfrutar da noite de San Xoán nos espazos libres pero tamén deben quedar os areais libres de calquera obxecto contaminante ou perigoso para a saúde unha vez rematada a festa.

Neste sentido o Concello de Sada habilitará unha zona na Praia das Delicias onde se dispensará gratuitamente a madeira necesaria para facer as lumieradas. As persoas interesadas poderán retirar esta madeira exclusivamente para a organización de lumeiradas na Praia das Delicias. Non será necesario realizar unha solicitude previa.

As lumeiradas non poderán ter unha altura superior á que determinen os servizos de seguridade e de emerxencias municipais e que calcularase en función da proximidade a zonas perigosas, a distancia ao arboredo ou edificios e da seguridade que estimen desde os servizos de emerxencia municipal. Queda terminantemente prohibido prender lumeiradas na zona de mesas e arboreda do Curruncho, así coma en calquera outro espazo verde.

Non está permitido a solta de globos de papel, faroliños chinos, voadores ou similares cuxo medio de ascensión sexa con lume. Tampouco está permitido acceder aos areais das praias  do termo municipal con vidro. Os residuos depositaranse nas zonas de recollida habilitadas para tal fin nos accesos ás praias. Queda totalmente prohibido trasladar material para as fogueiras en contedores de lixo.

O Concello de Sada fai un chamamento para a celebración dunha noite máxica, chea de ledicia, respecto, tolerancia e boa convivencia polo que agradece a alerta aos corpos de seguridade ante calquera manifestación que vulnere a liberdade ou o gozo da persoas atendendo especialmente as violencias machistas, LGTBQI fobias, racistas ou xenófobas.

Arquivado en