O Concello de Sada celebrará este Nadal unha festa matinal de Fin de Ano especialmente dedicada ás nenas e nenos do municipio. A concellaría de Cultura programa para a mañá do luns 31 de decembro en horario de 12:00 a 13:30 horas no “Parque Infantil do Nadal” (carpa que estará instalada detrás do edificio da Terraza), unha festa moi especial con sorpresas e animación.
Ademais de repartir entre as pequenos lambetadas e outras sorpresas recrearanse as badaladas de Fin de Ano para despedir o 2018 con música e moita festa.
Un Nadal cheo de actividades
O Concello de Sada, a través da concellería de Cultura, programa ademais durante estas festas numerosas actividades para os máis pequenos da casa.
Desde o pasado luns 10 e ata o 23 de decembro poderase visitar a “Casiña do Nadal” no Boulevard das Mariñas. Os nenos e nenas de Sada poderán levar a súa carta a Papá Nöel en horario de luns a venres de 17:00 a 19:00, ampliando até as 20:30 horas os sábados e domingos.
O 24 de decembro ás 17:00 horas celebrarase unha nova edición de Chocolasada. No Parque Infantil de Nadal diversos Coros de Nenos de Sada darán a benvida a Papá Nöel nunha actividade lúdica que finalizará coa degustación de chocolate con churros.
Do 26 de decembro ao 4 de xaneiro haberá animación, xogos e actividades no Parque Infantil do Nadal. No parque poderase gozar de inchables, talleres, xogos deportivos e animación. Todas as tardes de 18.00 a 20:00 horas excepto o 31 de decembro, que abrirá pola mañá para celebrar o Fin de Ano Matinal, e o 1 de xaneiro que estará pechado.
O 5 de xaneiro desde as 18:00 horas terá lugar a Cabalgata de Reis con saída desde a Lonxa do Porto finalizando sobre as 19:30 horas no Parque Infantil do Nadal.