Sada comeza a execución de obra pública coa remodelación do Paseo Marítimo

06 / MAI / 2020

Sada comeza a execución de obra pública coa remodelación do Paseo Marítimo

O Concello de Sada comezou a executar obra pública a semana pasada, logo da paralización de todas as actuacións pola COVID19, coa obra de reforma do paseo marítimo da localidade entre a desembocadura do río Maior e as escaleiras de Fontán, con melloras en pavimentos, xardinaría e asentamentos.

A empresa adxudicataria da actuación, Barnacle Obras e Servizos (164.659 euros), deu comezo os traballos coa implantación en obra e o valado do perímetro da actuación.

 

Sada, 5 maio 2020.

Logo da paralización de obra pública a consecuencia do Estado de Alarma, o Concello de Sada comezou a pasada semana a executar as obras de reforma do paseo marítimo da localidade, entre a desembocadura do río Maior e as escaleiras de Fontán, con melloras en pavimentos, xardinaría e asentamentos.

O goberno local pretende abordar unha reforma completa do ámbito xa que existe un deterioro notable tanto dos pavimentos (xeneralizado ao longo de todo o paseo do porto e máis puntual na zona da Praia Nova e a Praza Suárez Picallo) como das especies vexetais do paseo, por iso acometerase unha actuación que inclúe o cambio dos elementos en mal estado da zona peonil, a aplicación de novas capas de pintura dos pavimentos en diferentes tramos e a reposición de especies vexetais por outros exemplares novos.

Nesta actuación tamén se executarán traballos para mellorar a drenaxe no parque e evitar que se cren charcos en puntos baixos das áreas verdes. O proxecto especifica que existen problemas de asentamento no recheo sobre o que está apoiado o paseo e iso provoca que, nas zonas verdes máis extensas, se formen fochancas.  Así, cando chove de forma intensa, tenden a asolagarse creando barro, e iso fai que sexa pouco aproveitable para o lecer e incida no problema do asentamento.

A empresa adxudicataria comezou as obras a pasada semana coa implantación dos traballos e o valado do perímetro das zonas verdes para a acometida do novo sistema de rego. “A rede de rego en toda esta zona está moi deteriorada, practicamente inutilizada, e, en moitos puntos, é irreparable, polo que se realizará unha renovación completa dos ámbitos afectados -  sinala o concelleiro de Obras e Servizos, Fernando Fariña”.

O proxecto de reforma integral diferencia entre o ámbito da praia e o do paseo do porto. O primeiro, constitúese como o parque urbano máis grande de Sada, cun espazo para o lecer infantil e zonas sombreadas con árbores. O segundo é un lugar de paso e de paseo, máis especializado para este fin, cun carril para as bicicletas que permite chegar aos cidadáns con rapidez á zona do porto, así como acceder desde o paseo aos locais de hostalaría que se concentran neste itinerario.

A última reforma nestes dous espazos abordouse na década dos noventa, “polo que as consecuencias do paso do tempo son evidentes ” subliña o concelleiro de Obras e Servizos. “No ámbito en cuestión, a única novidade incorporada nos últimos anos foi a recente prolongación do carril para bicicletas, agora, todo o espazo completarase con esta actuación” indica Fariña. 

Arquivado en