SADA CONSTRUIRÁ UN CAMPO DE FÚTBOL DE CÉSPEDE ARTIFICIAL NO RECINTO DEPORTIVO MUNICIPAL DE A GRELA EN CARNOEDO

23 / SEP / 2023

SADA CONSTRUIRÁ UN CAMPO DE FÚTBOL DE CÉSPEDE ARTIFICIAL NO RECINTO DEPORTIVO MUNICIPAL DE A GRELA EN CARNOEDO

O goberno municipal inclúe no modificativo de crédito do vindeiro Pleno Ordinario unha partida de 306.000 euros. Pola súa banda a Deputación da Coruña subvenciona con 202.000 euros, con cargo ao POS+2023, esta actuación cun orzamento total de 508.000 euros. Esta actuación achegará unhas mellores infraestruturas para o equipo de fútbol do Carnoedo, un club histórico do Concello que actualmente milita en Terceira Galega. "Temos que apoiar, aos que se esforzan de forma desinteresada por fomentar o deporte e a cohesión social como é o caso do Carnoedo" sinala o alcalde de Sada, Benito Portela.

Unha vella demanda do deporte sadense, e en concreto do Carnoedo,  é a que eleva o goberno municipal ao pleno ordinario do vindeiro xoves. Incluir nun modificativo de crédito a partida de 306.000 euros para a construcción dun campo de fútbol de céspede artificial no recinto deportivo de A Grela na parroquia de Carnoedo.

O alcalde de Sada, Benito Portela, xa anunciara, estando na oposición logo da moción de censura, as propostas para incluir no POS+ 2023. En concreto solicitaba a finais  de novembro do pasado año que se incorporase "a mellora do campo de fútbol de Carnoedo”. Esta proposta foi incluida no pleno do mes de abril de 2023 aprobandose o proxecto técnico denominado “Campo fútbol de céspede artificial no recinto deportivo municipal de Carnoedo”, cun orzamento total de 508.199,98 €.

Pola súa parte a Deputación Provincial acordou conceder subvención do POS+ 2023 para a realización deste proxecto por un importe de 202.000 euros. Polo que o goberno municipal eleva agora a pleno incluir no modificativo de crédito a partida restante de 306.000 euros para a realización do proxecto en Carnoedo.

Proxéctase a construción dun terreo de xogo apto para a práctica de Fútbol 11 e Fútbol 8 transversalmante, terminado con céspede sintético de última xeración, instalacións necesarias e acondicionamento do recinto deportivo

O Campo de Fútbol 11 terá unhas dimensións de 102x60 m, acorde coas normas NIDE. Perimetralmente ao campo de fútbol instalaranse rede parabalones de altura 8 m tras a mesma. De igual maneira instalarase varandas de aluminio xunto aos muros de perpiaño e ramplas de acceso

Ademáis realizarase rede perimetral de saneamento e rede de recollida de pluviais enterrada de PVC con arqueta de formigón. A rede de rego no campo de fútbol está composta por 6 aspersores emerxente comandados por un programador e un depósito cilíndrico de 15.000 litros.

Finalmente realizarase a adaptación ambiental e paisaxística do recinto deportivo coa realización de soleiras perimetrales, cerramento con rede parabalones e enfosaco/pintado do muro de formigón perimetral ao terreo de xogo.

A parcela na que está prevista a actuación que rexe en materia urbanística polo Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Sada, denominada como Sistema Xeral de Equipamento Deportivo. Unha vez aprobado o modificativo de crédito o Concello de Sada licitará as obras de realización do proxecto que terá un prazo de 12 semanas para a súa realización.

Arquivado en