-Os usuarios non terán que pagar nada pola utilización da pista xa que está subvencionada integramente pola concellaría de Cultura. Ademais tamén poderán solicitar os patíns de maneira gratuíta para o seu uso nas instalacións durante 30 minutos aproximadamente.
Sada, 18 decembro 2019.
A programación de Nadal en Sada contará este ano cunha pista de patinaxe instalada nunha carpa situada detrás do edificio de A Terraza.
A pista funcionará durante todo o período das vacacións escolares. Abrirá ao público o venres 20, coincidindo co fin das clases. As instalacións estarán dispoñibles até o 6 de xaneiro.
Desde a concellaría de Cultura sinalan que a pista de patinaxe “está destinada a toda a familia, tanto para maiores como para pequenas/os e o horario de uso será de mañá e tarde”. Abrirá as súas portas en horario de 12:00 a 14:00 e de 16.30 a 22:30 horas. Os días 24 e 31 de decembro pechará ás 19:00 horas e os días 25 decembro e 1 de xaneiro estará pechada.
Os usuarios non terán que pagar nada pola utilización da pista xa que está subvencionada integramente pola concellaría de Cultura. Ademais tamén poderán solicitar os patíns de maneira gratuíta para o seu uso nas instalacións durante 30 minutos aproximadamente.
Esta actividade contará con persoal de xestión e supervisión que axudarán aos usuarios na elección dos patíns e no desenvolvemento da actividade.
Dentro da mesma instalación disporanse tres inchables para que os máis pequenos poidan facer máis levadeira a espera no acceso á pista de patinaxe que terá unha capacidade máxima por turno de 30 prazas.