A concellaría de educación programa unha actividade de rutas pola vila para escolares en busca de caramelos e letras, proxeccións de cinema, danzas de terror e música.
Sada 21 outubro 2017
A Concellaría de Educación, Xuventude,e Saúde, que dirixe Raquel Bolaño, programou unha serie de actividades relacionadas co Samaín na que se implicaron máis de medio centenar de negocios do Concello, centos de nen@s e decenas de voluntarios. Segundo Bolaño, trátase de crear un ambiente festivo que permita á vez levar a cabo acciones educativas e de potenciación do sector comercial.
Sada converterase na xornada do martes 31 de outubro (17.30 a 20.30 horas) nunha verdadeira vila de SAMAIN onde os escolares chamarán ás portas dos negocios do municipio co tradicional "truco ou trato". O Concello repartirá máis de 300 quilos de caramelos nos establecementos inscritos. Durante esta actividade os escolares deberán recoller un cartón na capela de de San Roque onde se especifican os comercios inscritos polos que deberán pasar. No cartón deberán escribir unha a unha todas as letras que lles sinalen en cada un dos comercios, co fin de construír unha frase relacionada co Samaín.
O cartón que levarán os grupos de nenos e nenas, unha vez completada, entregarase na capela, onde se sortearán cheques de compra entre os participantes para comprar nos negocios de Sada, o que permite á concellaría impulsar tamén a economía local.
Hai que destacar a colaboración da concellaría de Cultura, encargada da carpa, que permitirá a Educación albergar cinema ao aire libre esa mesma noite coa proxección de dúas películas de terror, unha dirixida ao público infantil, "Hotel Transilvania"(21.30h), e outra para público adulto, "La Semilla del Diablo"sobre as 00.00 horas. Entre os dous pases terá lugar un sorteo de agasallos entre os participantes do "truco ou trato".
Doutra banda, as rúas serán amenizadas con danzas terroríficas desde as 19.00 horas ata as 20.30 horas por todo o centro do municipio coas compañías Centro de Bienestar Roberto Ríos e Sadanza.