- Segundo indica o alcalde de Sada, Benito Portela, o encontro servirá para mostrar á cidadanía o proceso e as vantaxes que ten o estar mancomunados polo que “agardamos contar coa participación da veciñanza, xa que toda achega da cidadanía contribuirá a conseguir un espazo metropolitano máis humano, máis sostible, máis respectuoso e máis xusto”.
Sada 10 novembro 2017
Desde o Concello de Sada estanse a por en contacto cos vecinos para participar no Encontro metropolitano que vai ter lugar o próximo mércores 15 de novembro no Salón de Pleno ás 19:30 horas.
O obxectivo deste Encontro é dar información sobre a Área Metropolitana, tanto do proceso de constitución, como da consulta pública. Logo da presentación do alcalde de Sada, Benito Portela, e de mostrar que é a Área Metropolitana ou en qué beneficia aos veciños de Sada, abrirase un turno de debate con preguntas e reflexións da veciñanza.
No Encontro un equipo técnico farase cargo da moderación e contarase cun servizo de conciliación e un servizo de interpretación de lingua de signos.
Segundo indica o alcalde de Sada, Benito Portela, o encontro servirá para mostrar á cidadanía o proceso e as vantaxes que ten o estar mancomunados polo que “agardamos contar coa participación da veciñanza, xa que toda achega da cidadanía contribuirá a conseguir un espazo metropolitano máis humano, máis sostible, máis respectuoso e máis xusto”.
A Estratexia Metropolitana da área da Coruña é a aposta estratéxica de área urbana que promoven os concellos de Abegondo, A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, co apoio do Consorcio das Mariñas, para favorecer un desenvolvemento urbano sostible e integrado para o período 2014-2020 mediante un proceso de participación cidadá, que aspira a facilitar a acción de transformación urbana, económica, ambiental, cultural e social da Área Metropolitana da Coruña, ensaiando ademais a posta en marcha dun novo modelo de gobernanza no que a toma de decisións se levará a cabo de abaixo a arriba.
“É necesario, sinala Portela, ofrecer á veciñanza instrumentos de participación que axuden a resolver as necesidades básicas en materia de mobilidade metropolitana, creación de emprego, ciclo da auga, ou planificación coherente do territorio”.