-Mondego será a primeira das actuacións en cubrición das pistas polideportivas das parroquias por cuestión urbanísticas.
Sada 21 xaneiro 2018.
O Pleno da corporación de Sada aprobou a corrección do proxecto de cubrición da pista polideportiva de Mondego que se licitará próximamente. O proxecto foi proposto pola concellería de Benestar e Igualdade e xa fora aprobado no pleno o pasado 23 de febreiro de 2017. Agora a Deputación requería dunha serie de modificacións técnicas do proxecto que logo de realizarse se aprobaron no pasado pleno para proceder á súa licitación.
A obra, incluída no POS+2107, conta cun orzamento de 148.225,88€ para a execución da cuberta que convertirá as pistas polideportivas de Mondego nas primeiras cubertas do municipio.
Isa Reimúndez, concelleira de Benestar e Igualdade incide que se "pelexou moito para levar a cabo esta obra porque somos conscientes de que existe un reclamo histórico das familias do municipio para crear espazos de xogos cubertos para os máis novos. No mandato anterior chegaran a recollerse máis de 500 sinaturas de pais e nais solicitando espazos cubertos pero non se fixo nada"
Mondego será a primeira das actuacións en cubrición das pistas polideportivas das parroquias por cuestión urbanísticas. "Eleximos esta parroquia, indica Reimundez, porque é un dos poucos espazos publicos dispoñibles e o que mellor se adapta á normativa urbanística municipal. Ademáis Mondego é un centro xeográfico do municipio e un espazo cuberto podería desestacionalizar as renións xuvenís moi frecuentes cando o bo tempo o permite"