O Concello aproba unha moratoria de 90 días para recibos anteriores ao estado de alarma e atrasará a domiciliación das taxas e non as cobrará por servizos suspendidos
Sada, 1 abril 2020.
O Concello de Sada aprobou onte unha serie de medidas económicas excepcionais coas que pretende aliviar a situación de familias e negocios ante esta crise sanitaria. Entre outras iniciativas, o Goberno local deu luz verde a unha moratoria de noventa días para o pago dos recibos que fosen notificados con anterioridade ao decreto do estado de alarma.
O Executivo municipal acordou tamén atrasar a data de domiciliación de diferentes taxas para despois do fin do estado de alarma. O Goberno local anuncia tamén que non cobrará servizos como a escola infantil, feirón, terrazas ou comedor escolar durante o tempo que permanezan suspendidos.
Ademais axilizouse o pago ás empresas e provedores para "trasladar liquidez aos mesmos": "Todas as facturas rexistradas até o 18 de marzo xa están a ser atendidas e procederase ao pago de modo inmediato".
A última das medidas anunciada vai na liña de atrasar a data da domiciliación das diferentes taxas para despois do termo do estado de alarma.
O Goberno municipal explica que se trata do primeiro "paquete de medidas de carácter económico" que pon en marcha para "protexer o tecido produtivo e social" do municipio e "minimizar o impacto desta crise nas empresas, autónomos e particulares" e tentar que os seus efectos "sexan transitorios". O Executivo local que preside Benito Portela avanza que "seguirá analizando a situación tendo en conta outras medidas que poderán ser adoptadas en función da evolución da crise xerada polo Covid-19".