Sada demanda da Xunta de Galicia dialogo e acordos para evitar novas inundacións

20 / AGO / 2019

Sada demanda da Xunta de Galicia dialogo e acordos para evitar novas inundacións

O alcalde de Sada remitiu un escrito á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Mª Vázquez Mourelle, informando da situación xerada polos ríos Maior e Fontoira ao seu paso polo centro Sada e solicitando unha solución definitiva na canle do río Maior logo da intervención do Concello de Sada no barrio de Cantalarrana realizando, con fondos propios e co apoio financeiro da Deputación da Coruña, unha serie de investimentos tales como a execución do separativo de pluviais e saneamento, a construción dun tanque de treboadas.

Sada 20 de agosto 2019

Logo de coñecer que Sada será  incluída na avaliación previa para ser recoñecida como ARPSI, o alcalde de Sada, Benito Portela, trasladou á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Mª Vázquez Mourelle, un escrito co obxectivo de “poder falar e conveniar, á maior brevidade posible, e concretar entre ambas administracións, autonómica e local, os acordos precisos para evitar inundacións na vila de Sada.”

Portela antecede á petición de entrevista a situación xerada polos ríos Maior e Fontoira ao seu paso polo centro Sada. “É preciso que saibas, indica o alcalde,  que durante moitos, demasiados anos, lévanse producindo sucesivas inundacións no barrio de Cantalarrana ("zona cero" dos asolagamentos), situado a escasos metros do centro urbano, con un enorme prexuízo para todos os veciños que alí residen. Todas elas foron inundacións de diferente intensidade mais, o 30 de marzo de 2016 a gravidade das mesmas acadou cotas importantes ao deixar asolagado todo o barrio e parte do centro de Sada, véndonos na obriga de ter que evacuar á xente de moitas casas afectadas e producindo danos materiais de consideración”.

Benito Portela lembralle á Conselleira que dende aquela data e ata o día de hoxe, leva “reclamando as intervencións necesarias no tramo final do río para darlle unha solución definitiva a este problema que leva condicionando a vida dos veciños e veciñas da zona durante moito tempo”.  Todos estes asuntos xa foron tratados en dúas xuntanzas mantidas coa anterior conselleira, Beatriz Mato, “mais a situación na canle do río segue a ser a mesma que aquel fatídico 30 de marzo de 2016” denuncia o alcalde de Sada.

Neste sentido o alcalde tamén informa a Ethel Vázquez que o Concello de Sada sí fixo os seus deberese interviu no barrio de Cantalarrana realizando, con fondos propios e co apoio financeiro da Deputación da Coruña, unha serie de investimentos tales como a execución do separativo de pluviais e saneamento, a construción dun tanque de treboadas, etc... “os cales paliarán o risco de inundacións en momentos puntuais de chuvias intensas pero que non son a solución definitiva a un problema certamente máis complexo”.

Por último, pon no seu coñecemento que o Pleno do Concello de Sada acordou por maioría o23 de febreiro de 2017,  solicitar a esa Consellería a subscrición dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Sada que estableza a planificación, programación de prioridades, prazos, financiamento e execución das obras necesarias para evitar asolagamentos na vila de Sada, así como a posta á disposición da Consellería de Medio Ambiente dos Plans e proxectos urbanísticos e de urbanización e execución de obras que obran no poder do Concello de Sada e que sexan necesarios para a elaboración de dito convenio.

 

Arquivado en