En total o orzamento para o ano 2016 destina 468.573,71€ ao capítulo deportivo ao que hai que sumar tres actuacións, que se están levando a cabo conxuntamente con outras concellarías e coa alcaldía e que tamén teñen como fin o fomento do deporte no municipio, como son o novo carril bici do paseo marítimo, a solicitude a Xuventude do uso do pavillón do albergue da Mariña Española e a solicitude de dotación de herba artificial do campo de fútbol de Carnoedo á Deputación.
Sada, 1 febreiro 2016
Dentro das novidades que se prevén para o ano 2016 destacan tres investimentos que virán solucionar os problemas das instalacións deportivas. A partida para maquinaria coa instalación dunha caldeira de biomasa na Piscina Municipal e a instalación de placas solares e un novo transformador no campo municipal As Mariñas-Andrés Pena.
Sada contará cun técnico de deportes en plantilla. “É primordial, sinala Zeltia García, que o Concello teña un técnico de deportes para conseguir aumentar as actividades programadas durante o ano e conservar todas aquelas que xurdiron nos últimos meses que como se viu revitalizaron a vida deportiva de Sada, por exemplo o Trail Costa Doce da pasada semana”.
Nun concello onde varios clubs están á cabeza das súas especialidades deportivas, non só na provincia se non en todo o territorio galego (Club Atletismo Sada, Club de Salvamento Sada, Natural Taekwondo, Sada Patín, Ximnasia Tempo, Club Náutico de Sada), e outros son referencia en deporte base (Raio Sadense ou Sporting Sada) non é estraño que desde a concellaría de deportes, que xestiona unha deportista como Zeltia García Ben, apostárase no orzamento deste ano por destinar máis de medio millón de euros a resolver problemas en instalacións e ao fomento da práctica deportiva, xa non só como beneficio saudable indubidable, tamén como maneira de cohesión social.
Dentro das novidades que se prevén para o ano 2016 destacan tres investimentos que virán solucionar os problemas das instalacións deportivas. Por unha banda o investimento en maquinaria coa instalación dunha caldeira de biomasa na Piscina Municipal. Esta actuación valorada en 23.000€ contará aparte con subvención do INEGA.
Doutra banda instalarase un novo transformador, ao que o concello destinará 25.000€, e placas solares, cun orzamento de 4.500€ máis a subvención do INEGA, no campo municipal As Mariñas-Andrés Pena.
Unha das apostas máis firmes é a dotación da praza de técnico de deportes para incluílo como persoal laboral do Concello e poder sacar a concurso dita praza. “É primordial, sinala Zeltia García, que o Concello teña un técnico de deportes para conseguir aumentar as actividades programadas durante o ano e conservar todas aquelas que xurdiron nos últimos meses que como se viu revitalizaron a vida deportiva de Sada, por exemplo o Trail Costa Doce da pasada semana”.
Pero tamén desde a concellaría de deportes apostouse pola ampliación das partidas do orzamento para mellorar os servizos deportivos e a cantidade e calidade dos eventos e xornadas deportivas a celebrar durante o 2016. Un total de 42.000€ contando promocións e subministracións destinaranse a este concepto.
Outra das novidades é a creación de bolsas para deportistas locais. A Concellaría de Deportes inclúe nos orzamentos a concesión de bolsas a deportistas de nivel empadroados en Sada coa intención de fomentar o deporte entre os veciños do municipio e para axudar nos gastos que poden supor os desprazamentos a competicións deportivas de alto nivel. Os/as deportistas sadenses deberán presentar un resumo do historial deportivo do ano 2015, no que haberá de constar as participacións e os resultados máis importantes obtidos en competicións autonómicas, nacionais ou internacionais, con especificación de datas, lugar e nivel de competición. Este historial haberá de ir diligenciado co visto e prace da federación deportiva correspondente en documento orixinal.
Así mesmo Deportes aumenta a partida destinada a subvencións a entidades deportivas até os 46.000€ pasando as subvencións nominativas que se realizaban até o momento a subvencións por concorrencia competitiva.
OUTRAS ACTUACIÓNS PARA FOMENTO DO DEPORTE
En total o orzamento para o ano 2016 destina 468.573,71€ ao capítulo deportivo ao que hai que sumar tres actuacións que se están levando a cabo conxuntamente con outras concellarías e alcaldía que tamén teñen como fin o fomento do deporte no municipio.
Por unha banda, desde a concellaría de deporte solicitou á Deputación Provincial a dotación de céspede artificial no campo municipal de Carnoedo que "suporá a mellora das instalacións deportivas municipais e unha mellor repartición de horarios para os distintos clubs locais", segundo explicou a concelleira.
O alcalde de Sada, Benito Portela, e a concelleira de deportes, reuníronse na Coruña co responsable de deportes da Deputación Provincial, José García Liñares, para explicarlle a situación das distintas instalacións deportivas do municipio e trasladarlle a memoria do acondicionamento con herba artificial do campo de fútbol municipal de Carnoedo. Esta actuación achegaría unhas mellores infraestruturas para o equipo de fútbol do Carnoedo, un club histórico do concello que actualmente milita en Segunda Rexional. "Temos que apoiar, sinalou Benito Portela, aos que se esforzan de forma desinteresada por fomentar o deporte e a cohesión social como é o caso do Carnoedo".
Doutra banda o concello de Sada incluíu no Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña o proxecto de "Reordenación do tráfico ciclista no paseo marítimo de Sada" coa creación dun novo carril bici que discorrerá desde as proximidades do edificio modernista da Terraza até a súa conexión co carril bici que comeza fronte a Casa da Cultura.
Este proxecto nace co obxectivo de buscar unha solución ao problema que existe co carril-bici actual que discorre en paralelo ao paseo marítimo sen ningún tipo de separación co espazo destinado aos peóns. O Concello de Sada investirá 75.000€ coa reordenación do tráfico ciclista no paseo marítimo de Sada
Finalmente o alcalde de Sada e a concelleira de deportes reuníronse en Santiago de Compostela coa directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, para solicitar o uso e goce do pavillón de deportes sito no albergue xuvenil da Mariña Española no límite dos concellos de Sada e Bergondo.
Nesa primeira toma de contacto con Xuventude desde o Concello de Sada propuxeron varias alternativas para o uso do pavillón. “Iniciamos, puntualizou Zeltia García, un proceso para atopar formulas de colaboración para uso das instalacións deportivas que ten o albergue da Mariña Española, que seguro concluirá en pouco tempo coa oferta de actividades para os veciños de Sada nas devanditas instalación”. Neste sentido nos próximos días concretarase a achega municipal a un futuro convenio coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.