-A Consellería de Sanidade certificou en como “aptas” a calidade das augas dos areais do termo municipal de Sada nas últimas análises, incluída a Praia das Delicias.
-A concellaría de Praias realizou nos meses previos un labor de limpeza e acondionamiento dos distintos areais sadenses co persoal de Servizos, o Servizo de Emerxencia Municipal e co proxecto xunto a Cruz Vermella de vixilancia ambiental da costa sadense.
Sada, 22 xuño 2016.
A concellaría de Praias, que xestiona os socialista Marcos Villar, veu realizando nos últimos meses o acondicionamento dos areais do termo municipal de Sada dotándoos de novos elementos e redistribuíndo as casetas de socorristas ademais de levar a cabo a limpeza das calas e areais sadenses para velar pola protección de determinadas zonas a través de accións de participación cidadá e de voluntariado ambiental.
Villar destaca “a estreita colaboración da concellaría co departamento de Obras e Servizos e o SEM para a posta en marcha da tempada de verán nas praias sadenses que significou unha redistribución das casetas de socorrismo existentes para un mellor aproveitamento e unha mellora estética acorde co entorno.”
Este ano instalouse unha nova caseta na praia de Cirro e recolocouse a existente na de San Pedro, baixándoa ao areal para unha maior seguridade e accesibilidade.
Seguindo coas melloras nas praias de Veigue dotouse dunha cadeira anfibia ao areal de Cirro para o baño de persoas con mobilidade reducida que se suma á xa existente en Sada.
“Todo isto sumado aos traballos de limpeza e acondicionamento do areal que se fixo nos meses previos”, indica Marcos Villar xa que desde o mes de abril levou a cabo xunto a Cruz Vermella o proxecto de vixilancia ambiental na costa sadense.
Este proxecto, derivado do programa de seguimento de lixos mariños do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, realizouse para previr e reducir as verteduras ao medio mariño, para velar por que non se produzan impactos ou riscos graves para os ecosistemas mariños e para garantir que as actividades e usos no medio mariño sexan compatibles coa preservación da súa biodiversidade.
Por medio dese proxecto o concello de Sada xunto con Cruz Vermella levou a cabo a limpeza das calas e areais sadenses para velar pola protección de determinadas zonas a través de accións de participación cidadá e de voluntariado ambiental. Entre os obxectivos das xornadas, que comezaron o domingo 24 de abril con voluntarios de varias asociacións e clubs deportivos sadenses, atópanse a vixilancia de lixos, a sensibilización e educación ambiental na praia e a limpeza das calas e areais.
Outra das actuacións que se realizou no mes de abril foi a limpeza da canle do río que desemboca na praia de San Pedro así como a reparación das pasarelas de madeira e o achandado da area existente para nivelala nos lugares onde o mar producira un maior desgaste cos temporais do pasado inverno.
Calidade das augas nas praias de Sada
Os últimos controis realizados pola consellería de Sanidade nas augas dos distintos areais sadenses califican como aptas para o baño todas as praias do municipio, incluída a Praia das Delicias.
A última mostraxe realizada o 10 de xuño indica que a auga da praia das Delicias obtén 42 NPM/100ML de Escherichia Coli (o máximo permitido e 1500 NPM/100ML) o que levou a Cristina Fernández, Xefa Territorial da Consellería de Sanidade, a enviar unha carta ao alcalde de Sada, Benito Portela, indicándolle que “estes niveis aceptables non supoñen un risco para a saúde dos bañistas”.
Ademais da Praia de Sada os demais areais nos que a consellería de Sanidade realiza controis (Arnela, Cirro, Morazón e San Pedro) reultaron tamén aptos para o baño.