O Concello de Sada licitou nos pasados días, con cargo aos Plans Pronvinciais, a obra de dotación dos servizos de auga e saneamento no camiño de Souto a Pereira na parroquia de Carnoedo e actualmente está na fase de avaliación das propostas presentadas.
O Concello de Sada, a través da Concellaría de Obras e Servizos, licitou as obras de dotación de auga e saneamento no camiño de Souto a Pereira, en Carnoedo. Con esta actuación conséguese dotar do servizo de auga potable a un maior número de veciños que até agora carecían do servizo de abastecemento municipal.
As obras consistirán na colocación de canalizacións de abastecemento e saneamento no camiño de Souto a Pereira en Carnoedo así como a pavimentación que se tivo que demoler para a realización das obras. Neste proxecto téñense en conta ademais os traballos de demolición de pavimento existente, previo corte, apertura de gabia, colocación de tubaxe, así como de valvulería e pezas especiais coas súas correspondentes ancoraxes (no caso da rede de abastecemento, reposición dos pavimentos existentes).
Para a realización de cruce coa estrada de titularidade autonómica AC 163 considérase a realización de perforación horizontal e tamén a colocación de tubaxe de saneamento de PVC Ø 250 mm, cos seus correspondentes pozos de rexistro.
Dadas as características das obras descritas, considérase necesario e suficiente para a súa total terminación e entrega ao uso público o prazo de dous meses a partir da data de adxudicación definitiva polo Concello (actualmente en fase de avaliación de propostas), e conte con todos os informes.
O orzamento de Contrata da actuación ascende a 60.419,74 euros.