Augas de Galicia aceptou a solicitude do Concello para a colaboración técnica e financeira na execución da ampliación da EDAR de Sada co financiamento pola Administración autonómica do 100% do custo da actuación estimado en 10.306.728,93 euros
O Concello de Sada valora moi positivamente que o diálogo e a colaboración constantes sexan os instrumentos válidos para chegar a acordos e convenios co resto de Administracións en aras á consecución de inversións en infraestruturas fundamentais para o desenrolo do Concello tales como a mellora hidráulica do Río Maior ou a ampliación da estación depuradora.
Sada, 22 abril 2021.
A presidenta de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez López, remitiu o pasado martes a proposta-resolución en relación coa solicitude do Concello de Sada de colaboración técnica e financeira para a execución da obra “Anteproxecto de ampliación da estación depuradora de augas residuais de Sada. Sada (A Coruña)”, actuación valorada en 10.306.728,93 euros.
O pasado 8 de abril o Concello de Sada solicitara a colaboración técnica e financeira da Administración hidráulica de Galicia para a execución da obra de referencia, interesando o financiamento pola Administración autonómica do 100% do custo da actuación. Neste sentido, desde o Concello de Sada aportouse, amais da correspondente solicitude de colaboración, o informe emitido pola Intervención do Concello, que incluía un estudio económico financeiro da capacidade municipal de dispoñibilidade e endebedamento e xustificación da necesidade de instar o financiamento autonómico da actuación.
O anteproxecto da mencionada obra foi supervisado pola Área de Programación e Seguimento de Obras de Augas de Galicia, que emitiu un informe no que se reflicten, entre outros aspectos, a xustificación da necesidade da obra e as características da actuación. Deste xeito, unha vez examinada toda a documentación relativa ao proxecto, a dirección de Augas de Galicia, mediante resolución do 19 de abril, acordou o financiamento do 100% do orzamento da actuación, condicionado á aprobación previa do Consello da Xunta de Galicia.
A partir de agora a actuación terá un trámite de información pública, mediante a publicación do anuncio correspondente no BOP e no taboleiro de anuncios do Concello, por un prazo de vinte días hábiles. Unha vez rematado o dito trámite o Pleno da Corporación deberá aprobar inicialmente o anteproxecto da obra.
Cabe destacar que, esta actuación é consecuencia da redacción do Plan Director de Saneamento levado a cabo en todo o termo municipal de Sada por técnicos especialistas co obxectivo de detectar as deficiencias e anomalías existentes na rede de saneamento e, desta maneira, poder establecer un plan de prioridades para a mellora e optimización do tratamento das augas residuais do concello.
Segundo os técnicos redactores do referido Plan Director de Saneamento, a EDAR do porto de Fontán presenta unha serie de deficiencias no funcionamento e conclúen que a ampliación e mellora desta infraestrutura debe ocupar un lugar preeminente no plan de prioridades de actuacións derivado de dito plan director.
O Concello de Sada celebrou que Augas de Galicia aceptase a súa petición de ampliación da estación depuradora de Sada, xa que dita actuación permitirá "a mellora do tratamento das augas residuais e, consecuentemente, do estado do medio natural mellorando a eficiencia do EDAR".
O alcalde, Benito Portela, destaca que “esta era unha actuación fundamental e prioritaria para Sada cun dobre beneficio: social (favorece a un grande número de veciños) e ambiental (mellora a calidade do medio receptor), e que, debido ao seu alcance e importancia, se debía materializar sen máis demora”; Portela manifestou tamén o seu desexo de que “as obras poidan comezar o máis axiña posible dado o aumento de poboación que está a experimentar o Concello de Sada nos últimos anos”.