Os dous concellos empregarán unha subvención da Xunta para axudar a vinte desempregados a atopar un traballo.
Sada 9 de agosto 2017.
O Concello de Sada e o de Cambre ofrecerán un curso de formación en Atención Sociosanitaria especializado en xeriatría e discapacidade destinado a que vinte desempregados atopen un traballo. O taller, de 40 horas semanais, permitirá aos alumnos obter formación neste campo ao mesmo tempo que perciben un salario mensual de 655 euros. Ambos os concellos investirán 280.000 euros a través dunha subvención concedida pola Xunta.
Os concellos de Sada e Cambre colaborarán na organización dun curso de Atención Sociosanitaria de nove meses dirixido a desempregados destes municipios. O taller, financiado a través dunha subvención da Xunta de 280.000 euros, formará a vinte desempregados no campo da xeriatría e a discapacidade co fin de axudarlles a atopar unha saída laboral.
Este taller supón a segunda colaboración de Cambre e Sada na formación de desempregados. O ano pasado acometeron un proxecto similar, enfocado á atención de persoas dependentes e, segundo a concelleira de Emprego de Cambre, Leonor Fernández, tivo "espléndidos resultados de inserción laboral". Pola súa banda o concelleiro de Urbanismo e Emprego de Sada, Francisco Montouto, destacou a "colaboración entre os dous concellos para realizar accións na procura de Emprego" con cursos como este "altamente demandados polos veciños de Sada nas edicións anteriores e con tan alta saída laboral". Os cursos organizados ata agora permitiron atopar traballo ao 65% dos alumnos.
O curso, que comezará en setembro e terminará en maio, é de 40 horas semanais e desenvolverase no centro de formación de Espírito Santo, onde o alumnado estudará e traballará. A última parte da formación levará a cabo en prácticas en centros do sector. Os asistentes recibirán un salario de 655 euros mensuais mentres reciben a formación e un certificado de profesionalidade ao concluíla.
Os interesados en realizar este curso deberán estar inscritos no INEM e marcar o taller de Atención Sociosanitaria con formación específica en xeriatría e discapacidade. Será o propio INEM o que se encargue de seleccionar aos aspirantes.