O alcalde de Sada, Benito Portela, e os representantes de Cerámicas do Castro S.L., Segismundo García, e do Laboratorio de Formas de Galicia, Xosé Díaz, solicitan á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia a sinatura dun convenio que teña por obxetivo a rehabilitación e posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, ubicado no Castro de Samoedo.
Sada 18 setembro 2017.
Os solicitantes destacan a importancia, tanto cultural como arquitectónica, do conxunto que forman o propio museo e a antiga fábrica de Cerámicas do Castro, así como a relevancia dos fondos que alberga: unha das meirandes coleccións de obras de arte galega contemporánea, froito do traballo e adicación de dúas figuras senlleiras e irrepetibles da cultura galega como foron Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo.
Por todo o anterior, solicítase da Xunta de Galicia a materialización do devantido convenio no que fique plasmado o compromiso irrenunciable da administración autonómica, co Concello e os propietarios, para a recuperación e posta en funcionamento deste xigante do patrimonio cultural galego.
Esta solicitude plasma o compromiso que adquirira o alcalde, Benito Portela, no acto de homenaxe a Carmen Arias “Mimina”, muller de Isaac Díaz Pardo e filla adoptiva de Sada, celebrado no mes de marzo do presente ano. Nese acto, Portela anunciara a proposta do convenio entre o Concello, as Cerámicas do Castro e a Xunta de Galicia, para así garantir a conservación dos fondos do museo Carlos Maside e a apertura ao público dun espazo que “é memoria do País que Isaac, Seoane e Mimina soñaron”.
Así mesmo compre lembrar que o pleno da corporación municipal de Sada acordou en sesión celebrada o trinta de decembro de 2015 solicitar da Xunta de Galicia a declaración de BIC de todo o conxunto que constitúe o actual complexo de Cerámicas do Castro.