O executivo local impulsa así a unha obra necesaria para que os patinadores da vila poidan adestrar e competir con seguridade. Dende o Concello queremos agradecer a paciencia que os patinadores da nosa vila, especialmente o Club Sada Patín, tiveron ó longo deste tempo no que a pista estivo inutilizada
O Concello de Sada ven de iniciar as obras de arranxo da pista de patinaxe que permitirán ós deportistas da nosa localidade empregala en condicións de seguridade. O proxecto, que executará a empresa Lopez Cao cun investimento superior ós 64.800€,
cambia o pavimento da pista que actualmente presenta un acabado non acorde coa práctica deportiva á que está destinada.
O pasado mes de xuño, o Consello Consultivo admitía a proposta municipal de resolución do contrato coa empresa Canarga, que no seu momento non executara correctamente os traballos de arranxo, deixando a pista inutilizada. Esta era a razón fundamental que impedía ó Concello poder contratar unha nova empresa para poder solucionar as deficiencias. Grazas ó traballo realizado polo equipo de goberno foi posible así desbloquear o arranxo desta pista para desfrute da veciñanza.
O proxecto contempla a reparación da actual capa de rodaxe para recuperar a forma adecuada da mesma e poder utilizala nas mellores condicións de seguridade e favorecer un desenvolvemento adecuado desta modalidade deportiva. Por outra banda, o proxecto corrixe tamén o trazado lonxitudinal, con subidas e baixadas nas traxectorias. A execución da obra, xa en marcha, rematará co pintado da pista cunha pintura superficial que mellorará o deslizamento e minimizará o impacto dos golpes ante as posibles caídas dos patinadores e patinadoras.
Dende o Concello de Sada queremos agradecer a paciencia que os patinadores e patinadoras da nosa vila e, especialmente, o Club Sada Patín tiveron ó longo deste tempo no que a pista estivo inutilizada. Agardarmos que, toda vez rematados os traballos, conten cunha infraestrutura á altura dos éxitos e orgullo que aportan ó noso municipio