-O Concello de Sada enviou hoxe unha carta ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almunia, onde lle indica as carencias de persoal do PAC de Sada que provoca “agardas minimas de 15 días para acceder a unha cita, que non sempre pode ter ese periodo de espera”.
Sada 18 xullo 2019.
A situación de falta de persoal sanitario do PAC de Sada, na época estival, está a provocar unha merma notable na prestación dun servizo básico como é a atención primaria. “Os pacientes están a sufrir unhas agardas preocupantes (mínimo 15 días) para acceder a unha cita de atención primaria, co obxecto de ser atendidos de doenzas que non sempre poden ter ese periodo de espera”. Isto provoca que se deriven as consultas ao servizo de urxencia, “xa de por si saturado pola falta de facultativos”, indica a misiva enviada esta mañá ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almunia. O goberno municipal entende que a situación ven agravada polo incremento de poboación estacional que se produce no noso Concello os meses de verán.
Sada estivo o luns 15 de xullo sen servizo de pediatría polo que o goberno tamén lle lembra ao conselleiro que “con anterioridade xa se demandou por parte dos usuarios un segundo facultativo desta especialidade, demanda que o Concello de Sada respaldou polo incremento de poboación que o municipio rexistrou nos últimos anos, especialmente en crianzas menores de 14 anos”.
Outra das demandas reiteradas da cidadanía de Sada é a presenza dunha segunda ambulancia de urxencias. O goberno local lembra que “o PAC está a prestar servizo de urxencias aos concellos de Sada e Bergondo, máis de 22.000 habitantes (sen engadir os desprazados) e conta só cunha ambulancia prestando servizo o que supón que ante unha emerxencia non este dispoñible xa que se atopa noutro servizo”.
O goberno municipal considera “que é moi necesario non só manter a prestación dos servizos sanitarios no PAC de Sada, senón incrementar o persal para cubrir os mesmos dun xeito satisfactorio”