Sada establece horarios para as festas dos balcóns

06 / ABR / 2020

Sada establece horarios para as festas dos balcóns

-O goberno municipal entende que esta actitude positiva ante o confinamento reflexada nas últimas semanas con diferentes festas nos balcóns ten que ser regulada para garantir o descanso da veciñanza entre as que se atopan persoas enfermas, traballadores a quendas e veciños e veciñas en xeral.

 

 

Sada, 6 abril 2020.

Ante a crise sanitaria ocasionada polo virus COVID-19 e o confinamento que se ven alargando desde o pasado 14 de marzo varias son as rúas que celebran diferentes actos como felicitacións, apoios ou festas nos balcóns, situacións que o goberno entende que son positivas para o estado anímico dos veciños e veciñas.

Debido á proliferación nos últimos días deste tipo de festas, o goberno municipal entende que os horarios débense regular, especialmente os das festas con música, para garantir o descanso da veciñanza entre as que se atopan persoas enfermas, traballadores por turnos e veciños e veciñas en xeral e por solidariedade con eles.

Deste xeito faise público que a partir de agora os horarios para este tipo de festexos quedan establecidos da seguinte maneira:

  • Luns a Domingo: De 20:00 a 20:30 horas
  • Domingos: De 14:00 a 15:00 horas.

O goberno municipal seguirá analizando a situación e outras medidas que poderán ser adoptadas en función da evolución do confinamento e as propostas lúdicas que se leven a cabo.