-A Concellaría de Urbanismo e Emprego, xestionada por Francisco Montouto, levará a cabo xunto á Confraría de Pescadores de Sada o curso de redeiras para potenciar o porto pesqueiro e fomentar o emprego nun sector que tradicionalmente é desempeñado de forma tradicional e manual e está altamente cualificado.
Sada 3 novembro 2016
O Concello de Sada, na súa aposta pola recuperación tanto do emprego local como dos oficios tradicionais do municipio, organiza un curso de redeiras dirixido a mulleres que queiran aprender o oficio e dedicarse á confección, reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca.
Esta mañá firmouse o convenio de colaboración entre a Confradía de Pescadores de Sada e o Concello, representados polo patrón maior, Andrés García Boutureira e o alcalde, Benito Portela, co ánimo de facilitar a inclusión social e laboral das persoas coa “realización dun curso de redeiras para potenciar o porto pesqueiro con emprego, dar a coñecer este oficio tradicional do municipio e aproximar o porto á cidadanía”.
O curso ten unha duración de oito meses, do luns 7 de novembro de 2016 ao 30 de xuño de 2017, e impartirase diariamente en horario de 16:00 a 19:00 horas na nave de redeiros do Porto Pesqueiro que cede a Confraría de Pescadores, merced a este convenio e quen tamén achega un docente, con experiencia no sector, que impartirán o curso polo que a implicación e colaboración da Confraría de Pescadores coa área de Emprego é “total e absoluta”.
O curso de redeiras, ao que se apuntaron 23 persoas, e que para as 15 prazas dispoñibles terán prioridade ás veciñas de Sada, é gratuíto e o Concello xestionará un seguro de accidentes das persoas usuarias e unha poliza de responsabilidade civil para facerlle fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan deribvarse da realización de dito curso.
Desde a concellaría de Urbanismo e Emprego indican que os obxectivos do curso son potenciar o porto pesqueiro, coa recuperación dun oficio tradicional de Sada, e por outra banda ter a posibilidade de ofrecer un traballo ás veciñas do municipio que unha vez finalizado este curso poderán realizar o curso de capacitación profesional que lles daría a posibilidade de darse de alta como autónomas e conseguir un traballo estable.
Segundo Francisco Montouto, concelleiro de Urbanismo e Emprego, no curso de redeiras que organiza o Concello “as participantes poden adquirir práctica da man dos profesionais da Confraría de Pescadores e logo se queren seguir e traballar neste campo poden realizar o curso homologado de confección e mantemento de artes e aparellos, de tres meses de duración, para obter o certificado de profesionalidade”