-A acción formativa ten a finalidade de capacitar ás persoas participantes para a realización de operacións específicas de recepción, almacenamento, expendeduría, preparación e elaboración de moluscos, cefalópodos e produtos derivados, coñecementos altamente demandados dentro das empresas relacionadas co sector do mar e da pesca.
- Inscrición en liña para o curso Operario de tratamento de cefalópodos
Sada, 20 setembro 2017.
O Concello de Sada, a través da concellería de Urbanismo e Emprego, que dirixe Francisco Montouto, organiza na nosa localidade dentro do Plan de Formación Municipal para o Emprego o curso gratuito de “Operario polivalente de tratamento de cefalópodos” nos meses de outubro e novembro.
Esta acción formativa ten a finalidade de capacitar ás persoas participantes para a realización de operacións específicas de recepción, almacenamento, expendeduría, preparación e elaboración de moluscos, cefalópodos e produtos derivados, de acordo á normativa técnico sanitaria vixente e aos sistemas de xestión medioambiental, calidade, seguridade e saúde laboral. Estes coñecementos son altamente demandados dentro das empresas relacionadas co sector do mar.
O Plan de Formación Municipal para o Emprego convoca 12 prazas para realización deste curso no que é requisito estar empadroado en Sada e que terá unha duración de 100 horas, 40 teóricas e 60 prácticas. A parte teórica do curso desenvolverase na Casa da Cultura do 16 ao 27 de outubro de 9:30 a 13:30 horas e a parte práctica, a levar a cabo nunha empresa do sector pesqueiro, dividirase en dous grupos, un do 23 de outubro ao 11 de novembro e outro do 14 de novembro ao 4 de decembro, ambos en horario de 16:00 a 20:00 horas.
O prazo de inscrición está aberto ata o venres 29 de setembro ás 14:00 horas e pode realizarse dende eiquí ou na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local no terceiro andar do edificio de servizos administrativos do Concello de Sada ( aedl@concellodesada.com ou no teléfono 881 929 057 )
A selección de candidatos para a realización do curso terá lugar o 4 de outubro ás 10:00 horas na Casa da Cultura Pintor Lloréns, en función de baremo e test MBTI (competencias profesionais).