Sada inaugura a exposición fotográfica ‘De oficio, defensoras’ protagonizada por 15 activistas internacionais que traballan man a man coas ONGD galegas

07 / MAR / 2022

Sada inaugura a exposición fotográfica ‘De oficio, defensoras’ protagonizada por 15 activistas internacionais que traballan man a man coas ONGD galegas

No Día Internacional das Mulleres, o Concello de Sada e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en valor o traballo das defensoras de dereitos humanos. A exposición, que poderá visitarse desde o 8 de marzo ata o 8 de abril, forma parte dos actos de celebración do 30 aniversario da Coordinadora Galega de ONGD

A C oordinadora Galega de ONGD e o Concello de Sada inaugurarán mañá na Avenida da Mariña a exposición fotográfica ‘De oficio, defensoras’. A mostra, que poderá visitarse ata o 8 de abril, está protagonizada por 15 mulleres defensoras de dereitos humanos de países como Guatemala, Colombia, Palestina, India ou o Chad que traballan man a man coas ONGD galegas.

A exposición prográmase no marco dos actos do 8 de marzo para poñer en valor ás mulleres defensoras de dereitos humanos que dedican a súa vida a protexer a liberdade de prensa, a defender a terra ou a combater a violencia de xénero. “Poñen en risco a súa integridade para defender o territorio e a vida” asegura a portavoz da Coordinadora Galega de ONGD, Gema Filgueira. O último informe de Frontline Defenders, unha organización de apoio e protección ás activistas, revela que en 2020 foron asasinados 331 persoas defensoras de dereitos humanos en todo o mundo, 44 das cales mulleres. Segundo a Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, desde a irrupción da pandemia medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización contra as mulleres defensoras de dereitos humanos.

Malia isto, as defensoras que protagonizan a exposición seguen adiante co seu activismo. Mulleres como Warda, unha defensora do dereito da saúde que traballa como psicóloga nos campos de persoas refuxiadas saharauís en Tindouf. Como Angélica que desde O Salvador defende a liberdade de expresión e de prensa nun contexto do hostigamento cada vez maior contra as xornalistas. Ou como Nayibis que desde Colombia, o país onde se dan máis casos de asasinatos contra defensoras e líderes comunitarios do mundo, traballa pola reparación, a reubicación e o retorno das persoas desprazadas como consecuencia do conflito armado no país. Elas xunto as miles de defensoras que non participan nesta exposición, “forman unha rede esencial de activistas que protexen todos os dereitos humanos e todas as liberdades fundamentais”, conclue a portavoz da Coordinadora.

Defender a quen defende

Ante este contexto de violencia e represión “as ONGD galegas mantemos o noso compromiso de defender a quen defende tecendo unha rede global de apoio e de denuncia da vulneración dos dereitos”, afirma Filgueira. Tamén, apoiando comunidades e persoas con proxectos de cooperación internacional que buscan garantir o acceso a dereitos fundamentais. En 2020, as ONGD galegas puxeron en marcha 68 proxectos en 21 países como Bolivia, Mozambique e O Salvador que contribuíron a mellorar as condicións de vida de máis 400.000 persoas, a maioría delas mulleres e nenas.

O actual contexto de desigualdades extremas non ten precedentes na historia: as 62 persoas máis ricas do mundo posúen os mesmos recursos que a metade da poboación. “Isto sumado ao empobrecemento das persoas máis vulnerables, da emerxencia climática, da pandemia sanitaria e da crise migratoria obríganos a que a defensa dos dereitos humanos sexa a brúxula que guíe a política pública de cooperación ao desenvolvemento dos distintos gobernos e administracións en Galicia”, conclue a representante das ONGD galegas.

 

#30ANOS

A exposición fotográfica forma parte dos actos de conmemoración do 30 aniversario da Coordinadora Galega de ONGD, “tres décadas de aprendizaxes, traballo colectivo e defensa dos dereitos humanos” asegura a súa portavoz. En 1991, dúas organizacións xa desaparecidas (Comisión Galega pro-Amazonia e Estudantes Solidarios) crearon a Coordinadora que hoxe, 30 anos despois, está formada por 45 ONGD que traballan en cooperación internacional, axuda humanitaria e educación para o cambio social e que representan a máis de 26.000 persoas entre socias, voluntarias e traballadoras.

Exposición online

A exposición tamén pode visitarse de xeito virtual na páxina web da Coordinadora Galega de ONGD. En formato físico estará instalada na Avenida da Mariña de Sada ata o 8 de abril e os vindeiros meses viaxará a outras vilas galega. As mulleres que participan na exposición son:

Ana Celia Miranda (Nicaragua). Defensora dos dereitos das mulleres indíxenas e afrodescendentes e axente de medicina tradicional

Warda Mohamed (Sáhara Occidental). Psicóloga e defensora do dereito á saúde.

Angélica Cárcamo Herrera (O Salvador). Defensora da liberdade de expresión.

Haydée Castillo Flores (Nicaragua). Activista feminista e defensora dos dereitos humanos.

Salma Khalil (Chad). Artista, escritora e defensora dos dereitos humanos.

Vanada Sharma (India). Defensora dos dereitos das mulleres

Josefa Filipe Johane (Mozambique). Activista social de dereitos humanos.

Morena Herrera Argueta (O Salvador). Activista feminista e defensora dos dereitos humanos.

Mariam Barghouti (Palestina). Disidente e defensora dos dereitos humanos.

María Galindo (Bolivia). Bastarda, antiseñorita, abajista e axitadora de rúa

Nayibis Mercado (Colombia). Defensora dos dereitos humanos

Juventina López Vásquez (Guatemala). Activista, mediadora de conflitos e guía espiritual.

Aminetou Mint El Mokhtar (Mauritania). Defensora dos dereitos humanos

Elizabeth Vélez Vargas (República Dominicana). Defensora dos dereitos das mulleres

Doris Elisabeth Pérez (Honduras). Defensoras da terra

 

ONGD galegas que participan nesta exposición son:

Arquitectura sen Fronteiras, Asemblea de Cooperación pola Paz, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social; Enxeñería sen Fronteiras, Fundación Entreculturas, Farmamundi, Fundación Tierra de Hombres, Mans Unidas, Médicos do Mundo, Movemento pola Paz, Sólida, Solidariedade Galega e Solidariedade Internacional de Galicia.

Arquivado en