A licitación do proxecto para evitar episodios contaminantes no estuario leva aberto once meses e sen avances desde decembro de 2017
O alcalde de Sada, Benito Portela, expresou a súa preocupación polo atraso que acumula a redacción do plan director para mellorar a depuración na ría de Betanzos cun sistema de saneamento en alta na EDAR.
A Xunta de Galicia sacou a concurso o 17 de novembro de 2017 a redacción dun plan director para mellorar a depuración na ría de Betanzos cun sistema de saneamento en alta na depuradora de Sada tras constatar anomalías na EDAR, o emisario, bombeos e colectores que provocan vertidos en época de choivas. O proxecto, financiado nun 80% con fondos europeos, forma parte das actuacións para culminar os requisitos do Directiva Marco de Auga. Transcorridos case once meses, a redacción deste plan segue sen adxudicarse. O último acto público que recolle o perfil do contratante é a apertura das ofertas o 14 de decembro de 2017.
Portela aproveitou a presentación do programa de educación ambiental nos colexios para advertir da necesidade de que "se adxudique dunha vez" a redacción deste plan e apelou á necesidade de intervir sen máis dilacións. "Canto máis se tarde, máis vai a custar recuperala", incide.
Augas de Galicia advertía no prego de condicións do concurso deste plan director da existencia de deficiencias no funcionamento da planta depuradora de Sada que provocan reiterados episodios contaminantes. Os técnicos tamén detectaron problemas no funcionamento de bombeos e o emisario.
Empuxón ás Brañas
O alcalde de Sada tamén avanzou a próxima publicación do plan para declarar As Brañas Espazo Natural de Interese Local, ao que se poderá alegar durante o prazo dun mes.