A Concellería de Cultura e Praias xestionada pola socialista María Pardo, instalou na rúa da Praia unha casiña decorada dende a que “agardarán a chegada do Nadal xunto aos colaboradores de Papá Noel”.
Sada, 16 decembro 2016.
Este fin de semana (16,17 e 18) e o 23 de decembro, a partir das 17:00 horas, a casiña contará coa visita de “varios colaboradores directos de Papá Noel, que se achegarán ata esta instalación para recibir ás nenas e nenos sadenses” sinalan desde a concellería.
“Trátase dun Elfo e unha Fada, indica a concelleira de Cultura, María Pardo, a quen os máis pequenos poderán entregarlles en man as cartas nas que se recollen todos os seus pequenos e grandes desexos, pensando nesa ilusión especial e única que Papá Noel é capaz de suscitar”.
A actividade organízase sen necesidade de inscrición de ningún tipo, simplemente acudindo ata a casiña de Nadal que xa está instalada na rúa da Praia ata o 8 de xaneiro.
Esta iniciativa pretende ser itinerante polas rúas ás que non pode chegar a Cabalgata, por un ou outro motivo, relanzando así a actividade comercial en tódalas rúas de Sada.