Dentro dos actos do 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro o concello de Sada celebrou unha lectura pública da obra da poetisa galega o pasado venres 24 de febreiro na Capela de San Roque. Os asistentes recitaron extractos dos libros Rosalía de Castro que eles mesmos traían ou dos que o Concello puña a disposición na Capela de San Roque, Cantares Gallegos e Follas Novas.
27 febreiro 2017
O venres 24 de febreiro cumpríronse 180 anos do nacemento en Santiago de Compostela da poetisa e novelista galega Rosalía de Castro, considerada como escritora indispensable no panorama literario do século XIX e que xunto a Eduardo Pondal e Curros Enríquez representa unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento Galego, tanto pola súa achega literaria en xeral como polo feito de que Cantares Galegos sexan entendidos como a primeira gran obra da literatura galega contemporánea. Coincidindo con esta data desde o goberno municipal propoñía, no pleno do pasado xoves, declarar o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro tal e como presentou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega
Na proposta de alcaldía indicábase que “Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Galegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento”
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao dirixirse a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.
Na proposta, aprobada por unaminidade, declárase o 24 de febreiro Día de Rosalía en Sada e acórdase emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas en Sada os 24 de febreiro, data recollida oficialmente pola Consellería de Cultura no seu Calendario do Libro e da Lectura.