O goberno municipal presentará ao vindeiro pleno ordinario un modificativo de crédito no que se inclúe unha partida de 109.573 euros para o proxecto de pavimentado e peche de parcela así como o cableado de aulas do Centro Municipal de Formación Ocupacional de Osedo.
Sada pretende rematar a reforma do Centro de Formación de Osedo co proxecto de pavimentado e peche da parcela así como o cableado de aulas e para iso presentará no pleno ordinario do próximo xoves 28 de setembro un modificativo de crédito onde se inclúe unha partida de 109.573 euros para realizar as obras necesarias.
O goberno municipal pretende rematar as obras para que o CFO poida organizar cursos e actividades de carácter formativo de cara a facilitar a inserción laboral da veciñanza do municipio.
Preténdese substituír o peche existente. O peche que dá fronte ao viario, se retranqueará para cumprir co establecido no Regulamento de Estradas. Substituiranse tamén o portal para acceso de vehículos e a porta peonil. Tamén se substituirán os peches laterais.
O peche sur desprazarase aproximadamente 6,50 m cara á parte posterior da parcela, para crear unha zona de aparcadoiro. Para iso haberá que limpar, rozar e tallar varias árbores nesa franxa de terreo, así como desmontar terras, xa que se atopa a unha cota superior á contorna inmediata do edificio.
Para facilitar o acceso ao edificio, tanto rodado como peonil, pavimentarase a parte da parcela que se pecha perimetralmente. Nas zonas de acceso rodado, realizarase un pavimento continuo céspede/formigón, e crearase unha zona peonil no contorno do edificio mediante pavimento terrizo estabilizado, delimitado con bordo de formigón.
Na zona na que se sitúan as prazas de aparcadoiro adaptadas, executarase unha soleira de formigón con acabado tratado superficialmente, de tal maneira que permita o acceso para persoas con mobilidade reducida até a rampla situada na fachada este de o edificio. Ademais se explanará unha franxa de terreo na zona da parcela que dá fronte á estrada e que se atopa fóra da parte pechada, en previsión de necesidades futuras de aparcadoiro.
Finalmente realizarase o cableado eléctrico dos postos informáticos das dúas aulas coas que conta o centro.