Sada licita a mellora de varios viais municipais en Carnoedo, Cacharrete, Mandín, Pé do Muíño e Samoedo.

18 / SEP / 2023

Sada licita a mellora de varios viais municipais en Carnoedo, Cacharrete, Mandín, Pé do Muíño e Samoedo.

Os traballos que ascenden á cantidade de 175.000 euros forman parte do POS+2022

A Xunta de Goberno Local do Concello de Sada ven de aprobar, en sesión celebrada o pasado xoves día 14, a licitación dos traballos mediante os que se procederá ao amaño de varios camiños nas parroquias de Carnoedo, Mosteirón, Soñeiro, Meirás e
Sada.

Con esta licitación, que sufriu unha demora de máis de sete meses pola inacción do anterior goberno municipal, iníciase o proceso para a adxudicación duns traballos que ascenden á cantidade de 174.883,59 euros e continúase coa liña fixada nos últimos anos polo goberno municipal de acometer diferentes actuacións encamiñadas á reparación do firme dos camiños municipais nas distintas parroquias sadenses.

En concreto, os camiños a acondicionar son: un na Igrexa de Carnoedo, un no lugar de Cacharrete/Mosteirón, un no lugar de Mandín/Soñeiro, dous en Pé do Muíño/Meirás e o camiño central do lugar de Samoedo/Sada. Estas obras consistirán no movemento de terras e contencións, instalación de rede de pluviais con dotación de pozos de rexistro e pavimentación con aglomerado en quente.

Unha vez publicada a licitación do proxecto na Plataforma de Contratación do Estado, as empresas disporán de 20 días naturais para presentar as súas ofertas. Posteriormente, levarase a cabo o procedemento de contratación ata a adxudicación definitiva dos traballos.

Arquivado en