O proxecto da concellaría de Obras e Servizos está incluído no POS+2018 cun orzamento de 53.215€
Sada 20 novembro 2018
A concellaría de Obras e Servizos, xestionada por Miguel Tenreiro, renovará o abastecemento de auga da avenida Barrié da Maza, entre a Praza de España e Igrexa Nova, coa actuación que a Xunta de Goberno Local aprobou para a súa licitación.
A zona que se somete ao proxecto é unha parte da avenida Barrié da Maza cunha actividade comercial elevada, pola numerosa presenza de locais, e de carácter residencial. As obras que se proxectan tratan de mellorar os servizos de auga que sofren problemas nos meses estivais ao incrementarse a poboación dada a antigüidade das infraestruturas existentes.
Desde a concellaría de Obras vén comprobando que a avenida Barrié da Maza require de obras de mellora nas infraestruturas de auga. A rede existente en fibrocemento non é capaz de soportar a fatiga á que se ve sometida durante os meses estivais, causando a rotura nunha das arterias principais do núcleo urbano de Sada.
Con esta actuación trátase desde a concellería de Obras renovarán o servizo de abastecemento no tramo comprendido entre a Praza de España e a Igrexa Nova instalando unha nova tubaxe, realizando as acometidas domiciliarias e repoñendo todo o pavimento danado polas obras. En total instalaranse 140 metros de nova tubaxe e trasladaranse a esta 17 acometidas.
O prazo de execución unha vez adxudicadas as obras por procedemento aberto será de seis semanas para unha actuación orzada en 53.215€