-O prego da licitación inclúe novas clausulas sociais e ambientais e o prazo para as empresas interesadas na contratación do servizo finaliza o 9 de abril
Sada, 6 marzo 2018
O Concello de Sada publica no Perfil do Contratante a licitación do servizo de limpeza viaria e praias por un importe total de 2.293.940€.
Este servizo consistirá na limpeza das rúas, avenidas, prazas, paseos, estradas, camiños e praias do termo municipal de Sada mediante a realización das operacións fundamentais como varrido; baldeo manual ou mecánico das zonas públicas; limpeza de pintadas non autorizadas, limpeza de acción inmediata debido a actividades programadas ou eventuais; limpeza do Paseo Marítimo de Sada e Porto, da zona deportiva: pavillón, piscina, pista de patinaxe, contorna da escola infantil, campo de fútbol municipal e outras zonas de lecer; limpeza das vías públicas e zonas onde se celebren feirais, exposicións e calquera outra manifestación ou festexo públicos; limpeza en todos aqueles terreos que nos que de maneira irregular ou accidental sexan transformados en vertedoiros clandestinos; retirada de carteis en fachadas, muros, valos, árbores ou colectores; eliminación da vexetación espontánea fóra das zonas axardinadas e limpeza da contorna dos colectores ou limpeza de farolas, especialmente na súa base, entre outras funcións.
O prego de licitación inclúe novas clausulas sociais e ambientais. O alcalde de Sada, Benito Portela, sinala que “no relativo as clausulas sociais se consolidan os postos de traballo creados e se favorece inserción laboral de colectivos desfavorecidos como parados de longa duración, vítimas de violencia xénero ou persoas con diversidade funcional. Nos criterios adxudicación se inclúen tamén clausulas ambientais, unha moi demandadas polos veciños do centro de Sada como é a dismunición de emisións de CO2 da barredora e ao mesmo tempo a disminución da contaminación acústica danto puntos pola inclusión dunha barredora eléctrica, ademáis incluimos a mellora do servizo coa inclusión de mais papeleiras, incluimos a recollida de animais mortos de menos de 50 quilogramos (ate o do momento non estaba incluido) e aumentamos a limpeza con auga a presión en rúas e beirarrúas ”.
A efectos de limpeza das vías públicas, a licitación establece a clasificación dos viarios co seu nivel de limpeza esixida e a frecuencia anual. Nembargantes o Concello de Sada poderá modificar ou ampliar a clasificación de vías establecida segundo a dinámica da rúa, uso e urbanización. A frecuencia de prestación do servizo de limpeza en diferentes zonas será a correspondente á poboación, ao tráfico ou ao uso da vía. O servizo de limpeza prestarase en xornada diúrna ou nocturna despois da recollida de lixos. Non obstante o Concello poderá fixar horarios especiais para algunhas zonas determinadas, en atención ás súas características particulares e en función das necesidades para unha mellor prestación.
As empresas licitadoras deberán propor, independentemente do exposto anteriormente, unha certa dispoñibilidade de medios para atender dunha maneira inmediata aqueles traballos non contemplados anteriormente e para os que se requira unha solución rápida e eficaz. O adxudicatario deberá dispor para este servizo de brigadas áxiles e polivalentes en razón da heteroxeneidade dos traballos a realizar, indicando na súa oferta os medios humanos, mecánicos, ferramentas, útiles e cantos datos sexan necesarios para un mellor coñecemento da súa oferta.
No caso de limpeza en días festivos consecutivos non deixarase de prestar o servizo na súa totalidade en ningún caso durante máis de 24 horas. En todo caso débese considerar servizos para a zona do pavillón deportivo, piscina, escola infantil, pista de patinaxe, campo de fútbol municipal e outras zonas de lecer e os seus arredores en función das circunstancias que alí concorran.
LIMPEZA DAS PRAIAS
O servizo de limpeza de praias esténdese á totalidade das praias do municipio, isto é, urbanas das Delicias e Nova, Morazón en Fontán, Punta Arnela, Lourido, Armenteiro, Cala dos Lobos e As Fontiñas en Carnoedo, e praias de San Pedro e Cirro en Veigue.
Os traballos a realizar pola empresa adxudicataria son, como mínimo, baleirado e mantemento de papeleiras; limpeza da area, mediante cribado e volteo da mesma, ao obxecto de eliminar todo tipo de residuos da mesma, así como da zona de baixamar, na franxa utilizada polos bañistas, que haberá de quedar libre de residuos; retirada de todos os materiais alleos á area, talles como troncos ou outros elementos arrastrados pola marea, plásticos, desperdicios, algas, cabichas e calquera elemento putrescible; mantemento da limpeza nas saídas naturais das augas pluviais, evitando a obstrución das canalizacións e calquera outra que sirva para mellorar a calidade da limpeza das praias do municipio.
Nas praias urbanas de Sada realizarase ademais anualmente e a principio da tempada estival, un nivelado mecánico para repartir a area acumulada en determinadas zonas e posterior volteo da area para a seu osixenado. O período de limpeza estival será desde o 1 de Xuño ao 30 de Setembro. Durante o período estival a frecuencia de actuación será diaria e a fin de non molestar aos bañistas e usuarios das praias a limpeza realizarase entre as 7.00 ás 10.00 e das 21.00 en adiante, cun servizo de repaso vespertino nos días de festa.
CAMPAÑA DE CONCIENCIACIÓN CIDADÁ.
Para fomentar a limpeza das rúas, parques e xardíns cunha correcta utilización das papeleiras e colectores, o adxudicatario virá obrigado á realización de campañas de educación e mentalización sobre os temas de limpeza obxecto dirixidas a lograr a maior colaboración cidadá. Estas campañas incluirán información dos servizos aos cidadáns, a través dos medios de comunicación e rotulación de normas de uso nos colectores, campañas en centros docentes, mesas redondas, foros, etc. Ourtas acción que se levarán a cabo serán as de información do servizo telefónico gratuíto de atención ao usuario, en xornada de mañá e tarde.