Finalizaron os traballos que permiten unha mellor accesibilidade ao centro de saúde de Sada e que inclúen unha marquesiña "para que os pacientes non teñan que soportar as inclemencias meteorolóxicas", indican desde a concellaría de Educación, Xuventude e Saúde.
Sada, 15 xaneiro 2018.
As obras de mellora no consultorio, que foi inaugurado no ano 1990, consistiron na construción dun espazo cuberto que cobre as ramplas e o aparcadoiro das ambulancias que chegan ao centro de saúde.
Esta nova marquesiña cobre o aparcadoiro dos vehículos sanitarios, e as dúas ramplas de acceso, que van á unidade de urxencias e da área de consultas externas. Tamén permitirá a protección adecuada en situacións de mal tempo aos usuarios e profesionais do centro sanitario.
As melloras no centro de saúde de Sada non se limitan a esta actuación. Segundo a concelleira de Educación, Xuventude e Saúde, Raquel Bolaño, continuarán con outras actuacións: «Instalarase mobiliario urbano na rampla principal de acceso ao ambulatorio e facilitarase a maniobrabilidad das ambulancias na parte traseira do centro», dixo Bolaño.