Fernando Fariña, concelleiro de Obras e Servizos, apunta que "con esta obra o Concello de Sada atende unha antiga demanda da veciñanza de Soñeiro e das empresas instaladas na zona, e, ao mesmo tempo, amosa o seu compromiso coa posta en valor e coa mellora das infraestruturas para promover a instalación de novas empresas no municipio".
Sada, 5 novembro
A rotonda onde conecta a N-VIN coa vía Ártabra converteuse nun polo de atracción nos últimos tempos. Hai máis dun ano púxose en marcha a execución da primeira fase para conectar a vía Ártabra coa AP-9. Este verán no edificio circular xunto ao acceso a esta vía de alta capacidade que comunica con Veigue instalouse Amazon Flex, a denominación baixo a cal se agrupan traballadores/as autónomos/as que realizan a repartición para a multinacional do comercio electrónico.
Moi preto dese emprazamento sitúase o polígono industrial de Coiro na parroquia de Soñeiro onde o Goberno local realizará obras de mellora dos viarios para potenciar o asentamento de empresas e cumprir cunha antiga demanda dos veciños da zona.
O Concello de Sada sacou xa a licitación dos traballos de renovación dos viarios desta área, cun prazo de presentación de ofertas que finaliza o próximo día 18 e cunha execución dos traballos fixada en 2 meses.
Este proxecto xustifícase porque o acceso principal a este parque industrial se realiza a través dun carril de servizo en dirección A Coruña-Madrid, nun tramo desdobrado da vía do Ministerio de Fomento, que presenta un estado de conservación deficiente e carencias importantes de funcionalidade. Para emendar estes problemas, o Concello de Sada acaba de licitar por un importe de 232.261 euros (impostos incluídos) os traballos de mellora.
Fernando Fariña, concelleiro de Obras e Servizos, apunta que "con esta obra o Concello de Sada atende unha antiga demanda da veciñanza de Soñeiro e das empresas instaladas na zona, e, ao mesmo tempo, amosa o seu compromiso coa posta en valor e coa mellora das infraestruturas para promover a instalación de novas empresas no municipio".
Coa realización deste proxecto perséguese a rehabilitación do firme en toda a superficie e a reordenación dos aparcadoiros na zona dianteira das naves, así como a dotación dunha nova senda peonil e unha nova canalización de pluviais. A empresa que resultar adxudicataria traballará entre o viario de servizo da marxe esquerda da N-VIN e as naves que o delimitan, nunha superficie aproximada de 2.780 metros cadrados.
Actualmente, a vía de servizo da N-VI está separada da superficie de acceso ás naves industriais e aparcadoiros mediante unhas xardineiras formadas por bordos e cebreados. Nestes cebreados instaláronse os colectores de lixo, mais de forma habitual estacionan vehículos, o que supón un punto conflitivo, xa que é unha fonte de accidentes que se pretende eliminar.
Ademais, tras esta separación entre a vía de servizo e os accesos ás naves, o espazo dispoñible non está organizado de modo uniforme, senón que fronte a cada unha das parcelas se presentan solucións distintas, alternándose zonas de aparcadoiro en batería, estacionamento en liña, beirarrúas e superficies formigonadas de distintos anchos. Toda esta falta de uniformidade tradúcese na inexistencia dunha ordenación clara dos ámbitos dedicados ao tránsito e ao aparcadoiro, e os usuarios utilizan os espazos de forma indistinta para circularen e estacionaren.
Igualmente, estímase que as actuais zonas de tránsito peonil fronte ás naves non teñen a continuidade e a uniformidade necesarias para garantiren un itinerario cómodo e seguro. Tampouco existe unha iluminación pública homoxénea, xa que a iluminación existente é a que provén das luces instaladas para iluminar o tronco da N-VIN e das luces que teñen algunhas edificacións na súa fachada.
Con esta actuación o Concello de Sada prevé lograr unha banda peonil de dous metros de ancho adxacente á fronte das naves, unha zona de aparcadoiro en batería, na que se inclúen dúas prazas de mobilidade reducida, un viario de servizo ao estacionamento de 3,5 metros sobre o que non se actúa, e novas luminarias enfocando ao polígono. Ademais, rehabilitarase o firme en toda a superficie así como a dotación dunha nova senda peonil e dunha nova canalización de pluviais.