O informe realizado polos técnicos de urbanismo non autoriza a instalación dese tipo de espectáculos privados no Pavillón Deportivo municipal.
Sada, 30 xaneiro 2020
Logo de comprobar que se estaba a anunciar un espectáculo no Pavillón Municipal de Sada, programado para o próximo 2 de febreiro, sen que constase no Concello solicitude de aluguer ou cesión da instalación, desde a concellaría de Educación e Deportes puxéronse en contacto coa empresa organizadora do evento “La Reina de las Nieves” para indicarlles que non constaba no departamento municipal solicitude de uso de instalación pública para tal fin.
Onte mércores 30 de xaneiro a empresa xestora do espectáculo presentou unha solicitude para a ocupación da instalación municipal sendo informada esta mañá desfavorablemente polos técnicos municipais por non axustarse ás condicións de uso da citada instalación
Así mesmo, responsables de centros escolares municipais puxéronse en contacto coa concelleira de Educación para informar que se estaban a repartir folletos informativos dentro das instalacións escolares, algo para o que a empresa xestora do espectáculo non tiña permiso.
Desde o Concello de Sada infórmase que non organiza nin colabora con este espectáculo alleo á programación de actos culturais e que ven de ser denegada a solicitude de uso do Pavillón Municipal para o espectáculo “La Reina de las Nieves” programado para o domingo 2 de febreiro no Pavillón deportivo Municipal.