Sada, o concello que máis poboación gaña na área metropolitana da Coruña

13 / DEC / 2024

Sada, o concello que máis poboación gaña na área metropolitana da Coruña

Sada sitúase entre os Concellos que máis poboación gañaron na última década segundo os datos publicados este venres polo INE. O goberno local manifesta a súa satisfacción ante estas cifras, que son un reflexo do bo traballo realizado nos últimos anos

Os datos definitivos do padrón municipal publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), correspondentes ao 1 de xaneiro de 2024, certifican que Sada é o municipio da área metropolitana da Coruña que máis creceu en termos de poboación durante o pasado ano.

Con 266 novos habitantes, un incremento do 1,58%, Sada conta cun total de 17.140 veciñas e veciños empadroados. Así, na última década o noso pobo gañou dous mil habitantes, o que nos consolida coma unha das vilas de referencia na comarca cando alguén decide o lugar no que quere construír o seu fogar.

Estes datos confirman que as políticas implementadas por parte do goberno local para mellorar a calidade de vida, os servizos públicos e as oportunidades no noso concello están a dar os seus froitos. Non obstante, este crecemento non nos leva ao conformismo, ó contrario, seguiremos traballando día a día para facer de Sada un lugar aínda mellor no que vivir. Apostando polo benestar das persoas, a mellora dos equipamentos e servizos públicos, o impulso da nosa economía dende as competencias municipais e o desenvolvemento local sabemos que Sada ten un grande futuro por diante.

Desde o Concello queremos agradecer a confianza de todas as persoas que tedes elixido Sada como o voso fogar. Contando con todas e todos vós, o noso compromiso é seguir construíndo un municipio acolledor, dinámico e con futuro.

Arquivado en