Sada participa activamente na creación dos Consellos Sectoriais

08 / MAR / 2017

Sada participa activamente na creación dos Consellos Sectoriais

-Arredor de 60 persoas, tanto en representación de asociacións sadenses como a título persoal, tomaron parte na sesión celebrada o pasado  3 de marzo.

-Este venres terá lugar o segundo encontro participativo para a creación dos Consellos Sectoriais de Sada.

Sada, 7 de marzo 2017.

O Salón de Plenos municipal acolleu a pasada semana o primeiro encontro participativo para a creación dos Consellos Sectoriais de Sada, tras a convocatoria presentación pública realizada polo alcalde, Benito Portela, á cal asistiron arredor dun cento de persoas.

Esta xuntanza serviu para comezar a deseñar estes órganos de participación cidadá e á mesma foron convidadas de maneira directa todas as asociacións sadenses, así como aquelas persoas que mostraron interese a título individual, sendo ademais unha sesión aberta á asistencia de calquera persoa que o desexara.

Así, unhas 60 persoas participaron neste primeiro encontro, no cal formando pequenos grupos se debatiu a respecto de distintas cuestións: que problemas convén resolver en Sada, así como que ideas e propostas pensadas para a mellora de Sada que xurden tamén da cidadanía.

Abordáronse cuestións como a cultura, o deporte, a igualdade da muller, necesidades do espazo público, medioambiente, educación, xuventude, turismo e promoción económica, entre outras. Ademais do anterior, tratouse tamén cal debe ser a composición dos Consellos Sectoriais, cuestión na que se profundizará no segundo encontro participativo, a celebrar o venres desta mesma semana.

Con toda a información xerada, tanto nestes encontros presenciais como nas entrevistas individuais realizadas a case 70 asociacións de Sada, elaborarase unha proposta de creación dos Consellos Sectoriais, que cómpre ser revisada tamén por parte do Concello. A finais de marzo está previsto que teña lugar un terceiro encontro participativo para definir o funcionamento interno de cada un dos Consellos Sectoriais a crear, os cales tamén previsibiblemente irán constituíndose ao longo do mes de abril.

Dende o Concello de Sada habilitouse a conta de correo electrónico participasada@gmail.com, a disposición de todas as persoas que desexen obter máis información sobre este proceso ou sumarse ao mesmo, así como o número teléfono 608 201 251, xestionado polo equipo técnico encargado do desenvolvemento deste proxecto.

Arquivado en