O concello de Sada aprobou a finais do verán pasado a modificación da Ordenanza Xeral de Limpeza e Medio Ambiente que entrará en vigor este ano e que indica que “na época de verán comprendida entre o 1 de xuño e o 30 de setembro permitirase o acceso dos cans ás praias en horario de 22:00 a 10:00 horas podendo a alcaldía establecer calquera outra limitación que por razóns hixiénico-sanitarias sexan procedentes.”
Sada, 4 maio 2021.
Neste século XXI a necesidade de fomentar a convivencia das persoas posuidoras de mascotas e aquelas outras que non dispoñen de animais de compañía debe ser un obxectivo de calquera sociedade moderna; velar polos dereitos dos animais e por unha mellora das súas condicións de vida garantindo, en todo momento, o respecto aos dereitos de toda a veciñanza ten que ser unha prioridade dunha sociedade responsable e comprometida.
O Concello de Sada, desde a Concellería de Medio Ambiente, aposta pola convivencia, entendemento e respecto da diversidade de todos os seus veciños e, neste sentido, iranse adoptando as medidas que fomenten e potencien este xeito de convivencia.
A primeira foi a modificación da Ordenanza Xeral de Limpeza e Medio Ambiente a cal no seu artigo 14.3 ficou redactada do seguinte xeito:“Na época de verán comprendida entre o 1 de xuño e o 30 de Setembro permitirase o acceso dos cans ás praias en horario de 22:00 a 10:00 horas podendo a Alcaldía establecer calquera outra limitación que por razóns hixiénico-sanitarias sexan procedentes.”
Dende a Concellería de Medio Ambiente, lembran ademáis da obrigatoriedade de recoller os excrementos dos areais para deixalos en condicións óptimas para o uso de todos. Marisa Rúa, concelleira de Medio Ambiente, sinala que porase especial vixilancia no cumprimento da normativa vixente e tomaranse as medidas oportunas no caso de que se produza algún incumprimento da mesma.
“Como ben nos indican Os Castelo é a nosa tarefa, comprométete!. Toxo xa nolo deixa ben claro lembrándonos as nosas obrigas” indica a concelleira referíndose á campaña que protagoniza Toxo, o can da familia Castelo, que ilustra os carteis e sinais que esta semana se están a colocar ao longo dos areais sadenses.