- Apego vai dirixido ás familias que se están a preparar para a chegada dun novo membro e tamén ás que teñen nenos e nenas ata 6 anos co obxetivo de axudar á socialización en galego e propoñer o uso da lingua galega.
-O Concello de Sada entregará ás familias que se apunten no programa APEGO un agasallo. Para os bebés nados no ano 2017 entregaraselles unha caixa de benvida composta por unha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo e un medidor. Para o resto das familias anotadas ao programa faráselles entrega dun disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos.
Sada 3 novembro 2017.
“A chegada dun novo membro á familia é un momento de cambios e pode ser un bo momento para tentalo co galego”, baixo esa premisa nace o programa APEGO ao que a Concellería de Normalización Lingüística súmase desde hoxe.
APEGO vai dirixido ás familias que se están a preparar para a chegada dun novo membro e tamén ás que teñen nenos e nenas ata 6 anos co obxetivo de axudar á socialización en galego e propoñer o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia de cara a asentar o arraigo dá lingua.
O alcalde de Sada e responsable do área de Normalización Lingüística destacou esta mañá na presentación do programa que a transmisión do idioma de nais e pais a fillos e fillas é chave para o futuro de calquera lingua. “Se ti falas, indicou Benito Portela, eles e elas falan. O que lles fales, o que lles leas, o que lles cantes vai quedar prendido neles como pouso”.
No acto, onde estiveron presentes algunas familas apuntadas a APEGO xunto á técnica de Normalización Lingüística, entregaronse as caixas de benvida ao programa compostas por unha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo e un medidor.
Estas caixas entregaranse a todas as familas que queiran apuntarse no programa que teñan fillos ou fillas nados durante ano 2017 ou que estén esperando un bebé. Desde o servizo de Normalización Lingüística, situado na planta baixa do Concello, sinalan que as familias poden solicitar cita onde a técnica de NL explicaralles en que consiste o programa APEGO, as actividades que se van a realizar en Sada e entregaralles a caixa de benvida. Para solicitar cita os/as interesados/as poden chamar ao teléfono 981 620 075, ext. 255.
Son Xogos, Xogos Sons
No transcurso do acto presentouse tamén a primeira actividade que se realizará dentro do programa APEGO, o concerto-taller de xogos-bailes tradicionais combinados coas cancións máis modernas do autor Pablo Díaz e Olga Kirk que terá lugar o domingo 5 de novembro a partir das 12:00 horas na carpa instalada detrás do edificio de A Terraza.
Esta actividade está destinada a nenas e nenos a partir de 4 anos acompañados dun adulto onde aprenderan algúns dos xogos das avoas, bailarán e acabarán aprendendo bailes, coros e coreografías dalgúns dos temas máis populares de TIC TAC, TOC TOC e XENTE MIÚDA, MOITA FARTURA.
Con distintos instrumentos e músicas de diversas épocas, montarase unha pequena orquestra coas nenas e nenos que asistan ao taller. “Imos repartir instrumentos de percusión menor pandeiretas, axóuxeres, claves etc., que terán que acompañar as melodías de Pablo Díaz e Olga Kirk”, indicou a técnico de Normalización Lingüística.
Programa colectivo
Apego é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial. Naceu por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística e desenvólvese, de xeito cooperativo, entre os servizos de normalización dos concellos adheridos.
Diríxese ao contexto familiar e social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida (0 a 6) para achegarlle argumentos e facilitarlle ferramentas e redes que sosteñan e arroupen a crianza en galego.