- A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel Reimundez, participa esta semana en encontros nos concellos de Brión, A Pastoriza, Allariz e Soutomaior.
Sada, 2 de marzo de 2020.
Os concellos de Brión, A Pastoriza, Allariz e Soutomaior acollen entre o 2 e o 5 de marzo as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, conformada por persoal das administracións locais e provinciais integradas no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nestes encontros, a Secretaría Técnica da entidade fai balance dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos ao longo de 2019, así como das actividades implementadas polas deputacións e concellos socios para concienciar fronte as desigualdades. Ao tempo, preséntanse as accións para o ano en curso e a estratexia a medio prazo, recollendo as achegas das e dos participantes.
Todas as reunións dan comezo ás 10.30 horas e as técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego poden escoller a cal acudir. A sesión ábrese cun informe de situación da entidade, no novo contexto do mandato 2020-2023, para o que se están a elaborar as Liñas Estratéxicas, que o persoal municipal pode enriquecer coas súas propostas. A continuación, repásase o plan de actividades do último exercicio, no que se asesorou aos concellos na implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e as accións de educación para a cidadanía chegaron a milleiros de persoas en forma de exposicións, arte urbana, teatro ou música.
En canto aos proxectos de cooperación internacional, déuselle continuidadeás dúas iniciativas impulsadas en Mozambique, unha para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outra para garantir o abastecemento de auga nun municipio rural. Ademais, o Fondo Galego achegou axuda de emerxencia á vila mozambicana de Nhamatanda, que quedou devastada tras o paso do ciclón Idai.
En 2019 está previsto iniciar novos proxectos no país lusófono e abrir unha convocatoria de subvencións para ONGD. Así mesmo, continuarase coa captación de administracións socias, a concienciación de persoal político e técnico dos municipios e o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, entre outras actuacións.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.