Sada programa o Día de Rosalía con flores, libros e teatro

16 / FEB / 2022

Sada programa o Día de Rosalía con flores, libros e teatro

A concellería de Normalización Lingüística xunto coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega conmemoran un ano máis o Día de Rosalía de Castro, co apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO).

O Concello de Sada comezará a conmemorar o Día de Rosalía o venres 18 de febreiro coa programación da obra de "A Miña historia" de Trémola Teatro . A cita terá lugar ás 18:30 na Casa da Cultura Pintor Lloréns e será de balde aínda que será necesario retirar as entradas para a función

Seguirá a programación de actos o mércores 23 de febreiro coa lectura, por parte das concelleiras e concelleiros da Corporación, do manifesto do Día de Rosalía ás 12:00 horas na Praza de San Roque. O mesmo día e neste mesmo lugar prográmase unha hora de Lectura Libre entre as 17:00 e as 18:00 horas.

Ademáis durante todo o día 23 levarase a cabo a campaña "Agasalla un Libro e leva unha flor" coa participación da Librería López, o quisco Isabel, a librería Labarrosa, Carlín e Pequeño Tío. Por cada libro que compres o establecemento entregará unha flor. Desde 2010 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

O lema escollido para este 2022 é: #SementadePensamentos

 

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2022

PENSAR [TE] LIBRE

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino.

Rosalía de Castro.

Alimentamos a realidade do noso País a través da nosa lingua e das palabras que envolven a nosa diversidade social e cultural. Pensármonos na lingua de nosoutras é manter, transmitir e dignificar quen somos. E esta é a forza que atopamos en Rosalía de Castro: recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua.

Non hai nada máis poderoso que as voces legadas polas nosas devanceiras, para arrodear os sentires, as emocións, a rebeldía, a liberdade dese pensamento sobre o que ninguén pode mandar.

Velaquí o maior acto revolucionario que nos agasallou Rosalía de Castro! Os seus versos transfórmanse nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para “eu tamén navegar”, para facermos parte dunha nosa Historia propia e libre.

Así vou eu/formando parte/Non me abandono e formo parte , do pobo que describe Rosalía de Castro, da xente que defende a cultura sen cancelas e enche as rúas de voces violetas para combater da man das compañeiras os mouchos que nos asexan e a aqueles que ladran contra as que camiñan.

Abracemos, entón, a desorde das ideas  e a marcha dos pensamentos para seguir o navegar de Rosalía de Castro na voz das persoas humildes, para escoitar o silencio das oprimidas e censurar as inxustizas coa forza da nosa lingua. Non precisamos mans alleas que escriban a nosa historia así que, Dálle que dálle ó argadelo/noite e día/e pensa e pensa naquelo/porfía que te porfía, porque xa agroma forte a semente plantada. Vivamos a galope nunha rede de afectos e celebremos que nin a lingua nin o pensamento se exilian. Tezamos xuntas, fortes e libres os puntos que calcetaron as mestras da República, as cigarreiras, as misteiras, as costureiras e todas as que, coma ti, loitaron contra as inxustizas e polos dereitos.

Cosamos cos fíos da lingua na que entendemos, debatemos, amamos e enliñemos as nosas ideas e os nosos pensamentos.

Tal com’as nubes

Qu’impele o vento

Y agora asombran, y agora alegran

Os espaços inmensos d’o ceo,

Así as ideas

Loucas qu’eu teño

As imaxes de multiples formas

D’estranas feituras, de cores incertos,

Agora asombran,

O fondo sin fondo d’o meu pensamento.

 Beatriz Maceda Abeleira - Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

Arquivado en