Sada realizou un Maratón de Contos e numerosas actividades para celebrar o Día do Libro

23 / ABR / 2019

Sada realizou un Maratón de Contos e numerosas actividades para celebrar o Día do Libro

-A Biblioteca Municipal Ramón Suárez Picallo celebrou durante o día de hoxe o primeiro Maratón de Contos, que tivo como obxectivo a narración ou lectura de contos, en calquera idioma e de máximo 5 minutos de duración, escollidos libremente polo contador/a ou lector/a.

Sada, 23 Abril 2019.

Tal día coma hoxe pero do ano 1616 faleceron Cervantes, Garcilaso de la Vega e Shakespeare, mais tamén o 23 de abril  é a data de nacemento ou falecemento doutros importantes autores como Maurice Druon, H. K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Plà e Manuel Mejía Vallejo.  En 1996, a UNESCO escolleu esta data para render homenaxe ao libro e aos autores e para animar a todas as persoas a descubrir o pracer da lectura. En España, e en particular en Cataluña, a tradición neste día é agasallar con libros e rosas

A Biblioteca Municipal Ramón Suárez Picallo celebrou esta data durante toda a xornada agasallando cun caravel vermello e un libro a todas as persoas que leven préstamos da Biblioteca Municipal.

Ademáis hoxe a biblioteca  sadense tivo un horario especial ininterrompido de 9:00 a 21:00 horas, ampliándose o horario habitual, e as socias e socios da Biblioteca puideron levar ata 5 préstamos, entre libros, DVD, CD ou  revistas.

Outra das actividades realizadas hoxe foi o recoñecemento as/os usuarias/os adultos e infantís máis leais. Ás persoas que máis préstamos retiraron durante o ano pasado en cada categoría se lles entregou un diploma ao “Superusuaria/o 2018” e un lote de libros.

A Biblioteca Municipal habilitou ademais un espazo para que a xente que deixou aportacións de alimentos para as ONG de Sada (Cáritas, Club de Leones e Cruz Vermella).

MARATÓN DE CONTOS

A Biblioteca Municipal Suárez Picallo organizou ademais durante toda a xornada  o primeiro Maratón de Contos, co  obxectivo da narración ou lectura de contos, en calquera idioma e de máximo 5 minutos de duración, escollidos libremente polo contador/a ou lector/a.

Alumnas e alumnos dos centros escolares, usuarios/as do Centro de Día e veciñas e veciños do municipio pasaron pola Biblioteca para ler o seu conto favorito dentro dos actos programados con motivo do Día do Libro 2019.

Arquivado en