Sada recibirá máis de 600.000 euros na fase inicial do Plan Único da Deputación

11 / DEC / 2023

Sada recibirá máis de 600.000 euros na fase inicial do Plan Único da Deputación

O Plan Único é a ferramenta da Deputación para o financiamento de obras e servizos públicos dos concellos da provincia. Este plan destinará un total de 50,5 millóns de euros para toda a provincia o vindeiro ano e máis de 600.000 para o Concello de Sada

5.598.741,42 € é a cantidade da fase inicial do Plan Único para a comarca da Coruña,aprobada pola Deputación da Coruña no pleno de novembro;50,5 millóns para toda a provincia, e algo máis de 600.000€ para Sada. A deputada de plans provinciais, Cristina García Rey, así o anunciou esta mañá no Concello de Sada, onde salientou os máis de 47,7 millóns de euros investidos nesta comarca nos últimos anos.

O Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña financia obras e servizos públicos que melloran a vida da cidadanía en todos os concellos da provincia. Esta ferramenta permítelle aos gobernos municipais, ademais, xestionar os recursos públicos en función das súas necesidades e decidir, polo tanto, cales son os proxectos prioritarios. 

“Trátase de darlle unha maior autonomía aos concellos, que son os que, en definitiva, mellor coñecen a súa realidade” resaltaba a deputada. “Deste xeito, gañamos en eficiencia e tamén en benestar para os veciños e veciñas”.

"Dende o Concello de Sada, sinalaba o alcalde Benito Portela, queremos agradecer á Deputada de plans provinciais a súa visita á nosa vila. O compromiso de investimentos da Deputación da Coruña é sempre unha boa nova para o noso concello. Neste momento estamos a piques de iniciar obras de mellora en materia de mobilidade e infraestructuras que non sería posible acomenter sen o apoio económico do ente provincial"

Grazas ao Plan Único, os concellos da comarca da Coruña recibiron máis de 47 millóns de euros nos últimos anos. Este investimento fixo posible o financiamento dunha parte do gasto corrente (alumeados públicos, auga, parques e xardíns, persoal, etc.) e o de obras (como a ampliación da rede de abastecemento de auga, o campo Fútbol de césped artificial no recinto deportivo municipal de Carnoedo ou a senda peonil en Veigue). 

 

Arquivado en