O Alcalde de Sada, Benito Portela, ven de remitir sendas misivas á Dirección General de la Costa y el Mar e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nas que demanda unha xuntanza entre as distintas administracións para definir a execución dun Plan Director de rehabilitación do edificio de A Terraza de Sada.
O pasado mes de outubro, en resposta a unha solicitude previa realizada polo Concello de Sada, este recibiu de maneira oficial a notificación da Resolución de 22 de xullo de 2022 do “Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico” pola que se desestima expresamente o recurso dos actuais concesionarios do edificio de A Terraza contra a Resolución de 11 de febreiro de 2021, pola que se denegaba a solicitude de prórroga da concesión a aqueles.
Ante este novo escenario, que para o Concello de Sada supón clarificar a situación xurídica do inmoble, o Alcalde, Benito Portela, ven de enviar dúas misivas á administración estatal e autonómica coa finalidade de establecer, con carácter de urxencia por mor do estado actual no que se atopa a edificación, unha xuntanza na que poder analizar en detalle a situación do edificio e, deste xeito, acordar un convenio que recolla a elaboración dun plan director de rehabilitación do inmoble, obriga establecida no propio Decreto de declaración de BIC do edificio e para o que o Concello ten unha partida destinada nos actuais orzamentos municipais, a financiación para afrontar o custo de dita rehabilitación e a fixación da futura xestión do mesmo.
Portela fai fincapé no feito de que o inmoble, que foi declarado BIC no ano 2020, é un símbolo de identidade para todo o pobo de Sada é que, unicamente mediante a colaboración institucional, se poderá garantir e abordar uns traballos de rehabilitación que son xa unha urxencia á vista do estado actual do edificio. Asemade, destaca que o obxectivo de conservación, preservación e posta en valor do BIC estaría máis e mellor asegurado coa titularidade e xestión pública municipal de dito ben, referíndose, neste sentido, aos acordos plenarios, que xa foron comunicados ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, nos que se acordou solicitar a tramitación do expediente para a desafectación dos terreos ocupados polo edificio de A Terraza e a súa posterior cesión gratuíta ao Concello de Sada.